Sin categoría

Éxito de participación na actividade organizada con motivo do Día Mundial da Saúde Mental en Baiona

Este 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental, e o Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xornada que se celebra co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre esta realidade e eliminar o estigma social que sofren as persoas afectadas. Para o Concello de Baiona, a saúde mental é unha prioridade á cal se pretende dar un impulso cunha estratexia que permite facer fronte ao reto que supón a mellora no ámbito da saúde mental da poboación da man doutras institucións e das entidades da localidade. Neste marco, o Concello colabora coa asociación “Avelaíña Saúde Mental”.

Este xoves, 5 de outubro, ambas as dúas entidades colaboraron na organización dunha actividade na que participaron veciños e veciñas do municipio nun paseo pola Península de Santa Marta acompañados por un guía que explicou “Cando Sir Drake quixo invadir Baiona”. Baixo o lema “Saúde Mental, Saúde Mundial: Un Dereito Universal”, desde a Concellería de Política Social e a asociación se trataron tips sobre saúde mental. A misión foi a de promover a saúde mental e previr e atender os trastornos mentais a fin de mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida de toda a poboación. O punto de partida do paseo foi na caseta dos socorristas da Praia de Santa Marta. A Concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, guía oficial turística da Xunta de Galicia, exerceu como tal na actividade na que participaron activamente os usuarios da Asociación Avelaíña.

Baiona pode presumir de ser a primeira localidade que impediu un ataque do pirata Drake. O vindeiro domingo, día 8, cúmprense precisamente 438 anos desta xesta. O día en que os baioneses frustraron o asalto do temido corsario inglés á fortaleza de Monterreal. Desde o Concello pensouse ligar este feito cos tips de saúde mental e organizar esta actividade, que forma parte do proxecto de Deporturismo Social que recentemente se puxo en marcha desde o Concello de Baiona e que ao longo destes meses irá realizando máis accións deste tipo coa cidadanía. A través da nosa contorna envexable queren contribuír ao coñecemento da súa historia, a realizar actividade física, sociabilizar e dar pautas para a saúde en xeral, facendo fincapé na mental. A importancia de coidar de nós mesmos.