A comunidade de veciños Pousa de Fontán, en Gondomar, está cansada da situación que leva anos sufrindo. O edificio está construído desde o 2010. Segundo relata Xoana Reguera, presidenta da comunidade, nese momento o 60% das vivendas non son vendidas e seguen sendo propiedade de Promociones José Fajo, SL. Esta empresa foi pasando por varias direccións fiscais e diferentes xestores.
Na actualidade é xestionada pola entidade Wix Asset Rent, SL. Os pisos son alugados a través da inmobiliaria Ubica, de Porriño. Os inquilinos teñen un contrato de alugueiro con comunidade incluída. O caso é que levan todos estes anos sen ingresar as cotas de comunidade. “Anualmente temos que denuncialos por vía xudicial para poder recuperar as cotas non pagas. Ata fai tres anos, con maior ou menor prontitude, iamos cobrando esas débedas. Na actualidade levamos tres anos sen lograr cobrar a última demanda”.
O xuíz fallou a favor da comunidade de veciños, ordenando á entidade Wix Asset Rent, SL., ingresar a totalidade das rendas que percibe correspondentes aos inmobles dos que a entidade Promociones José Fajo, SL, é titular. A débeda desta sentenza é de 50.000€. Está pendente de resolución unha segunda demanda de 25.000€.
“O problema que estamos a ter é que non están a facer os ingresos no xulgado, non están a recoller as notificacións e nós temos unha débeda por falta de pagamentos que ascende a máis de 20.000€. Os propietarios estamos cansados de facer derramas prohibitivas para saldar débedas que son ocasionadas por esta situación e non vemos ningunha saída”, lamenta a presidenta da comunidade de veciños gondomareña.

