Sin categoría

O lecer en Nigrán no século XX: chamado á veciñanza do Val Miñor

O alumnado de 3º ESO PMAR do IES Val Miñor fai un chamado de colaboración á veciñanza do Val Miñor para afondar no seu proxecto de investigación sobre o lecer en Nigrán durante o século XX. Procuran fotografías e testemuños sobre os locais de ocio onde se divertía a nosa xente, así como as historias que alí xurdiron. Esta investigación, dentro do Proxecto Didáctico Antón Fraguas, trata de salvagardar a memoria colectiva destes lugares e da xente que os frecuentaba. Todo aquel que teña fotos antigas destes lugares (salóns de baile, salas de festas, Vanitas, os cines…) ou lembranzas propias e familiares, poden envialas ou poñerse en contacto a través do correo lecerdenigran@gmail.com ou ao WhatsApp 621249537.

O alumnado iniciou este curso unha investigación para coñecermos os lugares de ocio en Nigrán no século XX, coa angueira de salvagardar a memoria colectiva deses lugares que na súa inmensa maioría xa non existen. Este traballo fai parte do Proxecto Didáctico Antón Fraguas, dentro do programa PROXECTA+ da Consellería de Educación. O alumnado procurou entre a comunidade educativa testemuños gráficos e orais destes lugares e as lembranzas das historias alí vividas. Ademais de recompilar fotografías antigas, tamén crearon o programa de radio escolar RADIOTECA VAL MIÑOR onde entrevistaron a persoeiros coñecedores da nosa historia como o alcalde ou veciños que deitaron luz sobre o lecer en Nigrán no pasado.

Para completar este memorial e montar a exposición final, precisan da colaboración da veciñanza do Val Miñor.