O Concello de Nigrán vén de facer realidade a proposta do pintor Rafel Jiménez Ambel para homenaxear aos bombeiros do GES Val Miñor cun mural alusivo á loita contra os incendios de 2017 en Chandebrito. Así, as pasadas semanas estivo a traballar na sede da agrupación na rúa Paradellas (Nigrán) para decorar a parede frontal da instalación cun traballo colorista que, de xeito abstracto, retrata o traballo destes profesionais.
“Gustounos a súa proposta e consideramos moi merecida esta homenaxe artística e precisamente na súa sede”, destaca o alcalde, Juan A. González.
Ambel naceu en Huéscar, provincia de Granada (España) en 1958. Aos 10 anos foi vivir a Valencia. Na actualidade reside en Panxón e exerce como profesor, pintor e escultor. É Doutor Cum Laude en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (1986) e diplomado en Estudos Avanzados en Deseño en Enxeñería e en Comunicación Audiovisual e Publicidade pola Universidade de Vigo. Ademais de pintor, é profesor de debuxo no Ensino Secundario.

