Sin categoría

Max Williamson estrea en Cantabria a marcadora de vitorias do Vigo-Rías Baixas en 2022

Mediante unha escapada en solitario o Vigo-Rías Baixas sumou a súa primeira vitoria do 2022. O británico Max Williamson adxudicouse o sábado a segunda edición do Trofeo Concello de Villaescusa. Ademais do seu éxito en terras cántabras, a estrutura presidida por José Luis Chamorro callou esta fin de semana unha destacada actuación colectiva na Aiztondo Klasikoa da Copa de España.

O triunfo de Williamson, de 23 anos, chegou tras unha demostración de poderío. Nunha proba de 93,7 quilómetros, decidiu arriscar a metade de percorrido e lanzou o seu ataque a 45 km de meta. A vantaxe do corredor de Scunthorpe foi aumentando paulatinamente e no tramo final soubo administrala para alzar por primeira vez os brazos coa camisola do Vigo-Rías Baixas.

Na chegada a Villaescusa o ciclista flúor presentouse un minuto antes que o segundo clasificado Peru Arrasate (Elorrioko). O podio completouno Ión Zeberio (Baxurde), que terminou a 1:50 de Williamson. Máis aló de estrear a marcadora de vitorias do seu equipo, a actuación do británico reforza a súa confianza no arranque da súa segunda campaña nas filas da formación olívica.

Aiztondo Klasikoa

Unha fin de semana de carreiras na cornixa cantábrica concluíu este domingo na provincia de Guipúscoa. A Aiztondo Klasikoa, terceira xornada da Copa de España Elite e Sub23, era a primeira cita coa montaña do certame estatal e o Vigo-Rías Baixas asinou un notable quinto posto na táboa por escuadras. Tres pupilos de Modesto Pérez completaron o 140 km, que incluían sete ascensións puntuables, entre os 35 primeiros clasificados.

A subida final ao alto de Alkiza (2ª categoría), onde terminaba a proba, esnaquizou definitivamente esta clásica. Pablo Ara, ocupando a 15ª posición, cruzou a liña de meta a 1:05 do vencedor Fernando Tercero (Eolo Kometa), mentres que Asier González (27º) fíxoo 27 segundos máis tarde e tamén por baixo dos 2’, a 1:52, entrou Yurgen Ramírez (32º). A Copa de España continuará o vindeiro luns, 21 de marzo, coa disputa do Gran Premio Primavera de Ontur.