O Concello de Gondomar celebrará o Entroido o vindeiro domingo 27 de febreiro, xornada na que ás 16:30 horas arrancará o desfile das comparsas que este ano non competirán entre elas para lograr o mellor posto. Os participantes percibirán unha axuda económica, que oscilará entre os 250 e 550 euros, dependendo das súas características. Tamén se contempla a participación das rondallas, que percibirán unha subvención de 200 euros pola súa presenza no Entroido de Gondomar.
Nesta ocasión todos os participantes que se inscriban percibirán unha axuda económica pola súa presenza, sempre suxeitas ás bases publicadas polo Concello e que se poden consultar e descargar na sede electrónica ou a través da páxina web http://www.concellodegondomar.gal. O prazo de presentación de inscricións finalizará o vindeiro 20 de febreiro e deberán entregarse no Rexistro Municipal ou a través de sede electrónica, achegando o Anexo I das bases.
Requisitos e axudas
As comparsas participantes deberán ter un mínimo de 20 compoñentes e o máximo delas que se poderán inscribir será de 10, cun mínimo de 6, permitindo as bases convidar ata 5 comparsas máis.
As axudas económicas previstas oscilarán entre os 250 e os 400 euros para as agrupación que desfilen sen carrozas, dependendo o importe final do número de integrantes, que oscilará entre un mínimo de 10 compoñentes ata un máximo de 81. No caso de que vaian acompañadas por carroza, entendéndose por ela a plataforma decorada arrastrada por un vehículo de motor, os premios oscilarán entre os 400 e 550 euros. Cada carroza a maiores que se some á comparsa recibirá unha axuda de 100 euros.
Tamén no caso das rondallas estipúlase un número máximo de participantes, fixado en 10 e un mínimo de 6, dando sempre preferencia ás representantes de Gondomar e ás da comarca do Val Miñor. Estas agrupacións deberán estar integradas por un mínimo de 20 persoas para poder desfilar e percibir a axuda de 200 euros por parte do Concello de Gondomar.
Percorrido e datas
O desfile, como tradicionalmente celebrouse, terá lugar o domingo de Entroido, 27 de febreiro, a partir das 16:30 horas. O percorrido previsto parte dende Eduardo Iglesias, accedendo por Ángel Urzáiz dirección á Praza Paradela, que abandonarán pasando por diante do consistorio para saír pola Avenida do Conde.
No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan celebrar o domingo o desfile pospoñerase ata o martes 1 de marzo e se nese día tampouco fose posible trasladaríase ao sábado 5 de marzo, última data para celebrar o desfile que de non poder ser realizado nalgún dos días indicados cancelarase ata a próxima edición.
O enterro da sardiña para chorar e despedir o Entroido está previsto o día 2 de marzo a partir das 19:30 horas sempre que as condicións sanitarias e climatolóxicas permítano.

