Sin categoría

A nigranesa Diana Zúñiga lidera a primeira iniciativa de ecoturismo mariño-científico de Galicia

O proxecto galego North Wind – Sailing for Science, que actualmente se acelera no programa de acompañamento ao emprendemento Sherpa Journeys, de Sherpa do Mar, nace co obxectivo de converterse na primeira iniciativa especializada en ecoturismo mariño-científico de Galicia comprometida coa conservación do medio mariño.

Fundada pola oceanógrafa nigranesa Diaña Zúñiga, céntrase en promover o coñecemento científico do mundo mariño nas Rías Baixas, un dos ecosistemas con maior diversidade biolóxica e máis produtivos do mundo, a través de experiencias sostibles, únicas e singulares.

En liña coa tendencia slow travel, que aposta por unha nova forma de gozar do turismo máis sostible, local e auténtica, e baixo a premisa de reducir o impacto medio ambiental dos roteiros científicos, North Wind – Sailing for Science propón visitas guiadas eco-responsables e libres de plásticos.

Se levarán a cabo en veleiro, considerado un dos medios de transporte máis respectuosos co medio ambiente, practicamente sen emisións de C02, nun intento de reducir a pegada de carbono nas actividades que se desenvolven no mar. Ademais, minimiza os danos no leito mariño ou os niveis de contaminación acústica submarina, unha das maiores ameazas para estes ecosistemas, e cuxas consecuencias son determinantes na conservación e protección do medio mariño.

A filosofía a bordo será “cero plásticos” e os itinerarios estarán enfocados tamén á promoción e o coñecemento do produto e a gastronomía local.

Con esta iniciativa, Zúñiga, tras máis de 15 anos dedicada ao estudo do papel do océano sobre o clima e á xestión sostible dos recursos mariños de Galicia, pretende non só transmitir a súa paixón polos océanos, senón concienciar á sociedade sobre a importancia de potenciar a educación ambiental e unha maneira de viaxar máis responsable.

Neste sentido, North Wind – Sailing for Science tamén ofrecerá obradoiros formativos deseñados especificamente para centros educativos e/ou organizacións vinculadas ao mar, abordando temáticas relacionadas coas ciencias do mar e tendo como eixo principal a posta en valor do ecosistema mariño das Rías Baixas.

Sobre Sherpa do Mar

Sherpa do Mar é un proxecto integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cofinanciado nun 75% por fondos FEDER, cuxa finalidade é poñer en marcha unha rede transfronteiriza de emprendemento no ámbito mariño-marítimo e da blue economy, a través do programa Sherpa Journeys, que favoreza a xeración de emprego e o incremento de competitividade empresarial a través do impulso de compañías de base tecnolóxica.

O proxecto está liderado pola Universidade de Vigo, a través do grupo de investigación REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D, e nel participan o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña. Por parte de Portugal, participan a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela ( UPTEC), a U.Porto- Innovação da Universidade do Porto (UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar.