Sin categoría

Máis de 2 millóns de quilos de alimentos repartidos en 2020, un 17 por cento máis debido á pandemia

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos (2.072.400 quilos) durante 2020, o que representa un 17 por cento máis con respecto ao ano anterior, debido ao estalido da pandemia e as súas consecuencias. Trátase de ao redor de 300.000 quilos de alimentos máis entregados que ao longo de 2019 cando os quilos de comida repartidos foron 1.779.447.

Destacaron en 2020 polo seu volume de entrega os 564.039 litros de leite, os 197.775 quilos de pasta/arroz, os 166.814 quilos de peixe (conxelado e en conserva), os 156.093 quilos de froita fresca, os 118.545 litros de aceite e 114.306 quilos de conservas vexetais.

Loita contra o malgasto

A ONG leva anos comprometida coa loita contra o malgasto de alimentos e o concepto de que “a comida non se tira” e, neste labor, xogan un papel importante distintos establecementos. Precisamente, deses máis de 2 millóns de quilos de alimentos repartidos ao longo de 2020, uns 130.000 quilos de alimentos foron xestionados para evitar desta maneira o seu posible desperdicio.

Grazas á xestión diaria destas doazóns procedentes de establecementos como El Corte Inglés, Mercadona, Carrefour, Alcampo e Coren, o Banco de Alimentos evitou o malgasto dun 7 por cento de alimentos en 2020 e, o máis importante, dotou ás entidades sociais de produtos frescos de alta calidade (peixe, carne, froita e verduras, entre outros), axudando así á consecución dunha dieta saudable nestes tempos complicados. Este tipo de produtos, denominados diminucións, son alimentos en perfecto estado de consumo, aínda que, por distintas cuestións (caducidade próxima, por exemplo) xa non os comercializan.

Servizo esencial

O estalido e consecuencias da pandemia da Covid-19 incrementaron substancialmente a actividade da ONG a partir de marzo de 2020. Se o ano comezaba cunhas 20.000 persoas sen recursos atendidas, o avance da crise sanitaria incrementou nun 25 por cento o número de beneficiarios sen recursos na provincia de Pontevedra.

Grazas ao compromiso e á xenerosidade de 10 voluntarios habituais tanto de Vigo como de Pontevedra, os almacéns de Lavadores e en Faustino Santalices permaneceron abertos durante todo o confinamento por ser a entidade un servizo esencial, o supermercado das persoas que non teñen. O confinamento obrigou a parte do persoal do Banco de Alimentos a teletraballar, pero sen ese grupo de voluntarios que seguiron adiante coa actividade, a cadea solidaria non podería saír adiante.

Recollidas de alimentos virtuais

2020 supuxo tamén que tivesen que cancelarse as tradicionais Operacións Quilo coas que o Banco de Alimentos ía recuperando o stock de produtos básicos nos seus almacéns. Só un mes despois de decretarse o Estado de Alarma e en pleno confinamento, lanzaron a súa primeira recollida de alimentos en liña co apoio incondicional de rostros coñecidos como os cantantes Amaro e Iván Ferreiro, os seus embaixadores Gonzo, Carlota Corredera ou María Rey, así como dunha longa lista de persoas anónimas. A campaña #yoayudoalbancobueno foi todo un éxito, o diñeiro recadado pola compra de cestas solidarias a través da web traduciuse en máis de 80.000 quilos de alimentos.

Tamén foi virtual a Gran Recollida de finais de novembro e, adheridos un ano máis á iniciativa liderada pola Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal), bateron todos os récords. Grazas ás achegas económicas ao pasar por caixa dos supermercados, á adquisición de cestas solidarias na súa web e ás doazóns vía Bizum (código: 01139) contabilizáronse 550.000 quilos de alimentos. Nunca na historia do Banco de Alimentos rexistrouse unha cifra desta magnitude.

De carácter apolítica e aconfensional, a Fundación Provincial Banco de Alimentos, creada en Vigo hai máis de 25 anos e con delegación en Pontevedra desde 2014, o seu principal obxectivo é seguir velando polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura, saudable e gratuíta.