Sin categoría

O XIII Rally Ciudad de Vigo fará parada en Gondomar, Baiona e Nigrán

A Escudería Vigo Clásicos organiza este sábado 11 de maio o XIII Rally Ciudad de Vigo para vehículos clásicos e antigos. A proba celébrase na modalidade de regularidade non deportiva para vehículos clásicos, no que non prima a velocidade, senón a táctica e a orientación, así como o traballo en equipo e a compenetración entre piloto e copiloto. Na edición deste ano participarán 55 vehículos, supoñendo a maior participación nos últimos 5 anos. Este ano admiten coches máis antigos, completándose un parque pechado con vehículos desde a década dos anos 20 ata os anos 70. Aos vehículos de sempre engadiranse marcas como Bugatti, que xa forman parte da historia do automóbil.

Entre os vehículos máis antigos (Clase C) hai un precioso e raro Hispano Suíza, probablemente a marca española máis importante da historia do automóbil. Entre os vehículos máis antigos (Clase D) hai un precioso e raro Jaguar SS100, un impresionante Bentley. Entre os vehículos da clase E (anos 50) destaca a presenza dun Mercedes 300SL (versión cabriolet do Mercedes Alas de Gaviota), un Mercedes Adenauer que foi da Xefatura do Estado, un raro Lancia Appia Zagato e varios MGA, Mercedes 190 SL, e varias unidades de Jaguar XK, un dos roadster británicos máis bonitos. Entre os vehículos dos anos 60, destacar a presenza dunha das primeiras unidades de Porsche 911, Sumbean Alpine, MG, Morgan, Lancia Fulvia así como un Caravelle cuxo lanzamento no mercado americano en 1962 foi protagonizado por Brigitte Bardot.

A edición deste ano arrancará ás 11:01 horas do Porto de Vigo (Estación Marítima), onde realizarán as verificacións técnicas e administrativas dos vehículos e, despois de percorrer aproximadamente 200 Km. pola provincia de Pontevedra, terminará cunha cea de entrega de premios no Pazo de Cea en Nigrán. Os vehículos chegarán a partir das 19:30 horas. As participantes tamén contarán cun descanso para xantar no Parador de Baiona, onde poderán repoñer forzas para poder continuar ata a cea. Grazas á colaboración dos Concellos de Gondomar e Tui, os vehículos estarán expostos desde as 12:00 do mediodía no recentemente estreado paseo peonil de Gondomar e desde as 18:00 horas da tarde no paseo da Corredoira en Tui.