Sin categoría

300 metros cadrados de diversión en Baiona

A Concellería de Cultura de Baiona organiza o 3 e 4 de xaneiro no Pavillón Municipal en horario de 16:00 a 20:30 horas o Divernadal, un complexo de lecer e diversión gratuíto, encadrado dentro da programación Bai Nadal e que consta dun total de 300 metros cadrados de actividades diversas e novas que veñen da man da empresa Mundo Ocio. Unha aposta pola diversión e a creatividade para os nenos nestes días de vacacións.

Un total de 10 módulos de xogos e actividades que farán as delicias dos nenos e nenas que se acheguen a gozar deste Divernadal. Destaca o Pixel Art (crearán hama beads pasados o ferro que poderán levar de recordo), Foamball (xogo como paintball con dardos de escuma), Granxa e Arranxa (espazo con tractores a pedais e bloques de construción XXL), o Minichef (4 cociñas onde os nenos poderán realizar sobremesas con Playdoh), as construcións Builds (bloques de construción e unha piscina acolchada con máis de 1.500 pezas), a Realidade Virtual (para maiores e pequenos onde poderán penetrarse no fondo mariño, grandes medusas, golfiños, baleas, tartarugas e practicamente tocar mesmo peixes de cores), un módulo de historia (con figuras históricas de Playmóbil e History de exipcios e romanos), obradoiros de manualidades, chapas do Nadal e maquillaxe facial. Todo iso con inchables e música diversa para pasar un intre súper divertido.