Baiona despediu a tempada alta co seu día dedicado ao turista, unha xornada composta por unha decena de actividades para todas as idades e que deu o seu pistoletazo de saída á primeira hora da mañá.
Desta maneira, o municipio do Miñor, un dos máis importantes de Galicia en canto a afluencia de visitantes, deu practicamente por clausurada a tempada de máxima afluencia de visitantes rexistrando un 95 por cento de ocupación hostaleira durante o mes de agosto, fronte ao 80 por cento de xullo.
Uns resultados cualificados polo alcalde Ángel Rodal como “moi positivos para todos os sectores” e que supoñen a confirmación un ano máis do destino dentro das Rías Baixas.
A partir das 10 da mañá, a ruta polo Camiño Portugués pola Costa ao seu paso polo municipio -chega desde A Guarda e segue cara a Redondela- compartiu protagonismo cunha viaxe en barco pola baía baionesa, os pasarrúas que partiron desde a Praza do Concello ás 11.30 uníronse aos inchables montados no paseo de Ribeira e aos obradoiros dedicados aos máis pequenos, de 11 a 14 horas e de 17 a 21. Xa pola tarde a visita guiada e teatralizada da man de Mónica Sueiro fixo un percorrido polos puntos máis característicos da vila mariñeira desde as 18.30.
Ás 22 horas o humorista Rafa Durán ofreceu un monólogo na Praza do Concello e xusto despois “Sabina en las venas. 500 noches”, un tributo ao archicoñecido cantautor onde interpretaron os seus temas máis coñecidos.
Para finalizar a xornada, os espectáculos deron paso ao misticismo coa elaboración da Queimada, acompañada do “esconxuro” e cata no mesmo emprazamento.
Ademais durante todo o día o Museo da Navegación celebrou unha xornada de portas abertas, así como obsequios para todos os peregrinos ao seu paso pola oficina de turismo.




