Sin categoría

O Dr. Alawi Al Foad falará sobre “Saúde ocular fronte ás pantallas” en Baiona

O vindeiro venres, día 23, o auditorio da Casa da Navegación de Baiona acollerá ás 19:30 horas unha conferencia sobre “Saúde ocular fronte ás pantallas”, a cargo do Dr. Alawi Al Foad (Oftalmólogo), que falará da prevención a través dun tema moi interesante a ter en conta na era dixital, a sociedade da comunicación.

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, segue apostando pola divulgación científica que contribúe a dar pautas de prevención no ámbito da saúde e o benestar.

Trátase do III Ciclo de Conferencias sobre Benestar e Saúde, no que se enmarca a actividade do venres, no que, durante seis meses, seis profesionais de diferentes disciplinas da saúde achegarán e compartirán coñecementos acerca de estratexias e recomendacións que contribúan a mellorar o noso benestar.

Dirixidas a toda a poboación, e especialmente ao colectivo de persoas adultas, as conferencias xestiónanse cun obxectivo claro, contribuír a unha educación para a saúde que oriente ás persoas asistentes para alcanzar unha vida máis saudable a través de contidos e pautas de acción.