Sin categoría

O Entroido arranca en Gondomar sobre dúas rodas e interpretando coplas

Este domingo arranca en Gondomar a programación de Entroido, organizada pola Concelleira de Cultura, que se prolongará ata o 14 de febreiro e incluirá coplas, ruta moteira, concertos, comparsas, actividades infantís, verbena e, para rematar, o tradicional enterro da sardiña.

A troula iniciarase ás 11:30 da mañá coa celebración do Certame de Coplas de Entroido, organizado pola Asociación Centáurea, saíndo en desfile desde a Alameda ata a Praza de Ángel Urzáiz, onde as comparsas participantes interpretarán cadansúas coplas. O acto, no que participarán Os Tarteiras do Casco Vello de Vigo, Animodo de Domaio, Esensias O’Liosas de Peitieiros e As Vellas do Táper de Chaín, será presentado polos regueifeiros Bieito Lobariñas e Luís Caruncho, e ao remate agasallarase cun diploma á comparsa mellor valorada, e cuns petiscos ás persoas participantes. Se chove trasladarase ao Auditorio Lois Tobío.

Pola tarde, o Moto Club A Cento Cien celebra a cuarta edición do Moto Carnaval. A xornada inclúe ruta moteira polo Val Miñor, e despois unha parada no restaurante Soleiro para gozar duns petiscos, durante os cales se entregarán os premios aos disfraces e motos máis orixinais. O gañador do concurso sairá no cartel do Moto Carnaval do 2019. A saída será ás 16:30 horas desde a Praza do Concello de Gondomar.

O xoves 8 o Conservatorio Elemental de Música de Gondomar ofrecerá o seu Concerto de Entroido. En colaboración coa Escola de Música da Agrupación Musical de Vincios, a partir das 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío preséntase un concerto con pezas arranxadas dun animoso repertorio de The Beatles.

O venres 9, a Concellería de Educación organiza o tradicional Desfile Escolar, no que participan cada ano centos de escolares do municipio. Saíndo ás 11:00 da mañá do aparcadoiro do Pavillón de Deportes, percorren as principais rúas do casco urbano.

O domingo 11 ás 16:00 horas, o Pregón dará inicio ao Desfile-Concurso de Comparsas e Carrozas de Entroido, presentado pola cantante do Trío Azar. Ao finalizar o paso das 15 comparsas inscritas, que percorrerán as rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz, e mentres o xurado delibera, a espera estará animada cunha festa e verbena a cargo do Trío Azar.

O luns 12 haberá unha Festa Infantil no Pavillón de Deportes, desde as 17:00 ata as 20:00 horas, con cinco inchables para nenos e nenas de entre 2 e 15 anos, e un inchable xigante de bólas, e o martes 13, no Auditorio Lois Tobío, con espectáculo de animación musical e desfile de disfraces infantil. Tamén actuará a Asociación de Danza Contemporánea de Gondomar e haberá obradoiros no vestíbulo e no corredor lateral, un deles de creación de chapas.

O mesmo martes 13, a orquestra Aramio será a protagonista nunha verbena nocturna na Praza do Concello desde as 21:30 horas, na que ademais entregaranse premios aos mellores disfraces individual e de parella.

Finalmente, o tradicional Enterro da Sardiña poñerá o broche de ouro á programación de Entroido de Gondomar o mércores 14, organizado polo Centro Cultural «A Merced» de Chaín. Ás 20:00 horas procederase á lectura da testemuña na Praza do Concello, para a continuación iniciar a procesión de enterro polas principais rúas do casco urbano, para logo indultar ou queimar á sardiña. No caso de choiva trasladarase ao Auditorio Lois Tobío.