O concelleiro de Comercio e Turismo do Concello de Gondomar, Xosé Antón Araúxo, asegura nun comunicado que as decisións de PP-CABE e independentes poñen en grave perigo a chegada dos 16.300€ concedidos pola Deputación de Pontevedra para a Guía Turística de Gondomar.
Segundo Araúxo, unha vez máis a entente contra natura CABE-PP e independentes “tenta atrapallar a execución de proxectos que dinamicen o noso concello”.
O concelleiro recorda que “hai pouco cortaron totalmente o subministro orzamentario á áreas tan sensibles como os Servizos Sociais, agora persisten na estratexia da destrución. Pretenden que áreas como Deportes ou Comercio e Turismo queden afogadas sen poder executar os seus proxectos. Prefiren que os cartos queden no escuro pozo dos remanentes antes que dean vida e vaian destinados á cidadanía”.
Araúxo considera área fundamental como motor dinamizador da economía a de Turismo e Comercio, que leva anémica de orzamento, cos seus escuálidos 6.800€ anuais, dende os tempos do PP, xa que Gondomar ten os orzamentos prorrogados.
“A pesares de que a tesourería do concello está en disposición de nutrir esta importante área de Turismo con 6.835,34€ para a impresión dunha Guía de Turismo en tres idiomas, na que se resalta os grandes valores patrimoniais que temos, para poder proxectalos ao exterior… a pesares de que temos preparadas 35 rutas de sendeirismo que cada vez teñen máis adeptos entre os turistas do Val Miñor e compre imprimilas … a pesares de que todos os estudios de dinamización económica que temos no concello inciden na necesidade de potenciar os valores paisaxísticos, naturais e patrimoniais do concello de tal xeito que poidan ser visibilizados polos foráneos, e consigan atraer visitantes. A pesares de todos os pesares a estratexia da obstrución, da destrución, da parálise cega, da irresponsabilidade, da sen razón corta a posibilidade de crecemento do noso concello, e particularmente do tecido comercial ou da hostalería, que son os potenciais beneficiarios deste tipo de iniciativas”, lamenta o concelleiro de Manifesto Miñor.
Pero para Araúxo o máis grave do caso “é que con esta cega estratexia están tamén arruinando a chegada de fondos de outras administracións. Concretamente a Concellería de Comercio e Turismo tiña conseguida unha subvención da Deputación de Pontevedra de 16.393,73€. É dicir, que a Deputación correría co 70% dos gastos da guía. Coa decisión de PP-CABE-Independentes podemos perder estes cartos e, por tanto, o proxecto turístico”.
Segundo o edil, por se non fose pouco o dano que causan, coa súa decisión tamén están estragando a posibilidade de acceder aos fondos europeos “Leader”, “na que temos elaborado un proxecto de 30.000€ que facilita a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida, ou doutras discapacidades, a enclaves singulares do noso patrimonio”.
“Quizais do PP esperábamos esta estratexia destrutiva, pero certamente era difícil imaxinar que ía atopar socios estables e consolidados en posicións política que se definen como antagónicas. A realidade demostra que lamentablemente coinciden e son o soporte das estratexias do PP con demasiada frecuencia. Na área de Comercio e Turismo semella que teñen moita saudade das vellas políticas municipais que executaba o PP, moi próximas á “nada” e ao “conxunto baleiro””, afirma Araúxo.
“Por máis que intenten impedir a dinamización destes sectores, vamos seguir traballando coa mesma ou maior ilusión, desenvolvendo ideas, apoiando ao Turismo e ao Comercio. Sería mellor que houbesen máis brazos remando na mesma dirección, pero, de momento toca seguir avanzando con ataduras nos pés. Alá cada quen coa súa responsabilidade política e co seu compromiso con Gondomar”, conclúe o concelleiro.

