Sin categoría

Nigrán programa unha chea de actividades para poñer en valor a figura de Carlos Casares

O inicio do “Ano Casares” tivo lugar o 21 de febreiro no CEIP Carlos Casares de Nigrán coa presentación por parte da Real Academia Galega do espazo didáctico «Primavera das Letras» e punto de partida da programación da RAG na celebración das Letras Galegas.

As actividades continúan o 28 de abril co monologuista e actor de cine e teatro Avelino González, no que desbordará enxeño e asemade vinculará seu monólogo á figura de Carlos Casares e a súa relación con Nigrán.

O día 6 de maio levarase a cabo unha actuación para escolares a cargo do grupo Volvoreta e Voltereta.

Dende o 2 ao 12 de maio faranse, na Praza do concello, actividades e xogos cos colexios de primaria do Concello de Nigrán, onde a lingua e a figura de Carlos Casares serán os protagonistas.

Para o 13 de maio e xa achegándose ao Día das Letras Galegas, inaugurarase a exposición “Carlos Casares e a fotografía” no Auditorio Municipal e farase unha ruta polos lugares onde frecuentaba Carlos Casares en Nigrán para rematar na súa casa en Vilariño.

O 17 de maio e como é tradición no Val Miñor, levarase a cabo a marcha ciclista entre os tres concellos e todos os participantes de Nigrán levarán un emblema que fará referencia ao escritor. Ese mesmo día o grupo de Ubú Teatro representará a obra “A galiña azul” no Auditorio municipal e regalaranse libros de Casares a todos os asistentes.

Xa para o mes de xuño e xullo volveranse a poñer en marcha andainas e rutas que porán en valor a figura de Carlos Casares e a súa relación con Nigrán e con outros dous escritores que viviron ou acompañaron a Carlos Casares no municipio como son Gonzalo Torrente Ballester e Julio Cortázar.

“Carlos Casares é un dos mellores escritores do século XX, xa non só de Galicia senón de todo o mundo, e non pode pasar desapercibido para o goberno de Nigrán. É unha grandísima oportunidade a celebración en 2017 do Ano Casares e de térselle dedicado o Día das Letras Galegas e en Nigrán imos aproveitala”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

“A estreitísima relación de Carlos Casares e da súa familia con Nigrán e a colaboración estreita coa Fundación Casares e a Real Academia Galega fai que no 2017 poidamos encher o noso municipio da literatura deste escritor universal”, finaliza o Acalde de Nigrán.