Os Alcaldes do Val Miñor esixen a elaboración dun proxecto de recuperación do Esteiro da Foz

Os Alcaldes do Val Miñor contratan un estudo sobre o impacto da contaminación microbiolóxica no Esteiro da Foz do Miñor.

Os tres rexedores, Carlos Gómez, Juan González e Paco Ferreira, teñen o empeño firme de recuperar a zona como prioridade e así llo veñen demandando á Xunta de Galicia. Ante as peticións ignoradas, os mandatarios queren dar un paso máis, sendo a institución mancomunada quen asuma o gasto do estudo que pretende identificar e cuantificar o grao de contaminación dos ecosistemas mariños e fluviais, tanto da Foz como do río Miñor, e achegar as posibles solucións a este grave problema, que afecta o marisqueo na zona, actualmente declarada como zona C.

Desde os municipios da comarca tense o compromiso de respectar a biodiversidade do espazo e seguir apostando polo turismo e a economía azul. Por iso, estes traballos de estudo serán promovidos e financiados pola Mancomunidade do Val Miñor, e farase chegar tanto ao goberno autonómico, como ao Goberno de España, como á Unión Europea, para que se some a este compromiso e poñan solución á problemática que vive a zona desde hai anos.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comprometeuse a traballar sobre esta problemática a principios do mandato “xa que é unha zona de especial interese para a xeración de postos de traballo relacionados co marisqueo. Chamaremos a todas as portas que sexan necesarias para poñer fin a este grave problema”.

“Estímase que nese espazo pódense xerar máis de sesenta postos de traballo e ao solucionar o problema que vimos padecendo hai anos, poderase garantir non só a sustentabilidade de 60 familias senón tamén a sustentabilidade deste espazo singular. Para comprender a degradación que está a sufrir o esteiro da desembocadura do Miñor é preciso resaltar que no ano 2000 extraéronse 11.209 quilos entre ameixa, berberecho e cadelucha, en 2001 prohibiuse o consumo de moluscos en fresco tras ser declarada como zona C e en 2010 prohibiuse permanentemente a actividade”, destaca o rexedor baionés.