Héctor Álvarez, carteiro en Baiona, protagoniza un vídeo de Correos para promocionar o Camiño Portugués

Héctor Álvarez Mosquera, carteiro na Unidade de Repartición de Val Miñor, foi escollido por Correos para protagonizar un vídeo co que se promociona o Camiño de Santiago. O vídeo pódese ver a través das redes sociais do Camiño con Correos, tanto en Facebook, Twitter como Youtube.

No vídeo, Héctor mostra aos peregrinos que ver e facer en Baiona. Entre as súas recomendacións atópase visitar a Fortaleza de Monte Boi e percorrer o paseo que a rodea. Tamén convida a pasear polas rúas da zona vella da cidade, achegarse ata o porto para visitar a réplica da carabela La Pinta e visitar algún dos seus templos como a Capela de Santa Liberata.

O vídeo forma parte dunha serie coa que Correos dá a coñecer diferentes poboacións do Camiño de Santiago a través dos carteiros que traballan nelas e que percorren as súas rúas día a día.

Estes “consellos do carteiro”, que xa acumulan máis de 25.000 visualizacións, pódense atopar tamén nunha páxina web específica sobre o Camiño de Santiago – http://www.elcaminoconcorreos.com – onde a empresa postal ofrece toda a información necesaria para preparar o Camiño, e onde aparece información detallada de Vigo e outras localidades do Camiño, incluíndo fotografías, mapas e todos os aloxamentos que se ofrecen aos peregrinos.

SERVIZOS DE CORREOS NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Durante este Xacobeo 2021-2022, Correos pon ao dispor de todos os peregrinos servizos específicos para resolver as súas necesidades de transporte. Ademais do Paq Mochila, o Paq Peregrino –envío de maletas e paquetes a calquera punto do Camiño de Santiago- ou o Paq Bicicleta, un servizo de envío de bicicletas ao comezo do roteiro ou de volta ao finalizar o Camiño.

Ao chegar a Santiago de Compostela, os peregrinos tamén poden beneficiarse do servizo de consigna que Correos ofrece na oficina de Rúa do Franco, 4, a dous minutos da Praza do Obradoiro.

Toda a información sobre estes e outros servizos de Correos para o Camiño de Santiago está dispoñible na páxina web http://www.elcaminoconcorreos.com, onde o peregrino tamén poderá atopar onde durmir nun buscador con máis de 4.000 aloxamentos, descrición dos Roteiros Xacobeos máis populares e máis de 300 consellos de que ver e facer no Camiño por parte dos carteiros.