Surf, foodtrucks, mercadiño, música e moito máis en Patos

Este venres 23 de agosto, Prado Surf Escola celebra o seu tradicional campionato de noveis e groms na praia de Patos (Nigrán), unha festa que durará todo o día e na que haberá moito surf, música, mercadiño surfeiro de 2ª man e moito máis. Tras o éxito da festa XX Aniversario o verán pasado, chega á praia de Patos o Prado Surf Fest. Hai anos xa que Prado Surf Escola, con 21 anos en activo, quere agradecer aos seus alumnos e familiares o seu apoio cun día para gozar en familia e amigos de moito surf, boa comida e música nunha contorna inigualable.

A xornada comezará ás dez da mañá co check in dos concursantes do campionato de surf e ao longo do día haberá actividades abertas ao público, como as clases de zumba con Bambú Nigrán ou a charla ambiental con CEMMA, ademais para os máis pequenos haberá espectáculo de maxia e festa da escuma na chaira de Patos. Este ano Prado Surf Fest contará tamén cun mercadiño de 2ª man para que os asistentes poidan vender ou intercambiar o material de surf que xa non utilicen. Ademais, desde a 13:00 horas ata medianoite haberá foodtrucks e a posta de sol será amenizada por DJ Gus-G desde un autobús de dous pisos.

Os gañadores do campionato de noveis e groms, deste ano, levarán premios de tendas e marcas da zona, entre a que se atopan as lentes de sol de The Graphics Proyect, roupa de Vazva e Hi Surf e material técnico de Waira Surf. Ademais, varios restaurantes locais regalarán ceas para os gañadores. Prado Surf Fest non sería posible sen a axuda do Concello de Nigrán, Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Surf e Bodyboard, Louzao-Mercedes, Solo Imprenta e Alumisel.

Prado Surf Escola nace no ano 1998 co propósito de promover e facer o surf accesible a todo o mundo en Galicia. Desde entón imparte clases de surf, pádel-surf, longboard e bodyboard durante todo o ano. Conta con varias escolas: Patos (Nigrán), A Lanzada (O Grove), Sabón (Arteixo) e Bastiagueiro (Oleiros), sendo Patos o centro principal.

2019-08-21 - poster_23_agosto_2_page-0001 copia