Alumnos de Nigrán e Manchester pedalean ata Baiona

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // IV Marcha Cicloturista do CEIP Humberto Juanes.

Un grupo de 24 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do colexio St. John’s Primary School de Manchester participan estes días acompañados de familiares e profesores na iniciativa «From Manchester to Nigrán», un intercambio co alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes que cumpre xa 15 anos.

Durante os 7 días que dura a experiencia, o alumnado inglés alóxase con familias galegas. Ademais completan un diario no que recollen todas as actividades realizadas cada xornada, e que posteriormente será avaliado polas profesoras de lingua inglesa. O obxectivo do intercambio é crear lazos de amizade entre nenos e nenas de países, linguas e culturas diferentes.

O pasado martes partiron desde Manchester para chegar a Nigrán a media mañá. Tras ser recibidos no Cámping Praia América, onde se aloxan os seus familiares, os pequenos ingleses fóronse coas súas respectivas familias acolledoras. Xa o mércores, participaron xunto aos escolares de Nigrán nunha xornada de xogos tradicionais e gozaron dun chocolate.

Este xoves realizaron unha marcha cicloturista desde Nigrán a Baiona, onde visitaron a réplica da Carabela Pinta, para finalizar cun xantar no parque da Palma. En total, 150 persoas, alumnos e alumnas de Nigrán e Manchester, familiares, profesores, membros do Club Ciclista Rías Baixas e 30 usuarios do Centro Juan María empregando as bicicletas adaptadas compradas polo Concello de Nigrán para o uso de persoas con diversidade funcional. A actividade contou coa colaboración de ambos os dous Concellos e as súas policías locais.

O venres visitarán as Illas Cíes e o sábado gozarán dunha comida no colexio. O domingo poderán pasalo en familia e o luns, como novidade, participarán nunha actividade de vela no Monte Real Club de Yates de Baiona, que lles ten preparada unha xornada ao aire libre na contorna das praias Ribeira e Barbeira. Finalmente, o martes, regresarán a Manchester.

Despois da visita dos alumnos do St. John’s Primary School a Nigrán, serán os escolares do Humberto Juanes os que se desprazarán a Manchester para completar o intercambio.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.