Nigrán propón que todos os centros poidan empregar a cociña do CEIP Humberto Juanes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // CEIP Humberto Juanes.

O Concello de Nigrán, co consenso unánime da corporación, propón que, en caso de que a Xunta autorice a explotación directa da cociña do CEIP Humberto Juanes, esta poida ser empregada por todos os centros públicos do municipio que o soliciten e que, ao mesmo tempo, o novo contrato inclúa a subrogación do persoal que traballa nos comedores, cuestións ambas que nos pasados días foron solicitadas á alcaldía dende diferentes colexios, ANPAS ou persoal traballador. Estas dúas achegas prodúcense despois de que toda a corporación acordase no derradeiro pleno apoiar a petición da dirección do Humberto Juanes, ANPA e Consello Escolar para que a Xunta poña fin ao sistema de catering a favor da cociña in situ. O Concello, pola súa banda, comprométese a financiar con 83.900 € o custe de habilitar as instalacións. Por este motivo, no vindeiro pleno do 1 de abril a corporación incluirá unha moción de reserva de crédito que engada estas dúas achegas aprobadas por tódolos grupos na comisión de hoxe.

«Cremos que é máis saudable a comida feita directamente no comedor e todos os colexios deberían ter o dereito de beneficiarse dela se así o solicitan, dado que as instalacións realizaranse con cartos do Concello. Ademais, xa existen profesionais traballando nos comedores dende hai anos e sería inxusto que se lle rescindise os contratos», resume o alcalde, Juan González.

Tanto dende a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.

A comunidade educativa destaca a importancia do comedor como instrumento imprescindible hoxe en día «para a conciliación da vida laboral e familiar» e a necesidade de que a alimentación dos nenos sexa saudable «para o seu óptimo crecemento e desenvolvemento».

«Non se trata dun capricho nin dunha proposta utópica xa que, por un lado, o cociñado no propio centro levará unha alimentación moito máis saudable e por outro esta fórmula de contratación do servizo da xestión do comedor escolar por procedemento aberto é unha realidade en polo menos 32 centros da Comunidade Autónoma de Galicia», destaca a moción.

O CEIP Humberto Juanes, situado ao carón da Casa Consistorial, é o colexio máis numeroso de Nigrán con preto de 400 alumnos.