Nigrán Decide esixe contas de tres mocións antes de apoiar a adhesión ao pacto do clima

A comisión de Asuntos Xerais ditaminou favorablemente a emenda de Nigrán Decide á proposta do Alcalde para adherirse á iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía.

A emenda de Nigrán Decide, que está de acordo con que se produza a adhesión a este pacto, consiste en deixar sobre a mesa a proposta do Alcalde até que dea conta aos grupos municipais do estado de execución e cumprimento dos acordos aprobados por unanimidade dos plenos celebrados o 31 de marzo de 2016, o 31 de maio de 2016 e o 21 de decembro de 2016. No pleno do 31 de marzo de 2016 aprobouse a proposta do grupo municipal socialista relativa ás CIDADES LIBRES DE C02, emendada polo grupo municipal de Nigrán Decide; o 31 de maio de 2016 o Pleno da Corporación de Nigrán aprobou por unanimidade a proposta do grupo municipal do BNG sobre fomento dos desprazamentos sostibles; e o 21 de decembro de 2016 o Pleno da Corporación de Nigrán aprobou por unanimidade a proposta do grupo municipal de Nigrán Decide relativa a un plan de aforro na factura de electricidade.

“Aínda que en Nigrán Decide somos conscientes de que o goberno está tomando algunhas medidas, non estamos pola adopción de acordos propagandísticos que despois non se cumpren na súa totalidade”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “na actual proposta da Alcaldía hai puntos practicamente iguais aos da moción presentada polo grupo socialista en marzo de 2016, sen que o goberno dera conta do seu grao de cumprimento. Sabemos que a intervención desde o ámbito municipal para frear o cambio climático é moi limitado, pero aínda así hai que tomalo en serio”, para finalizar sinalando que “se dá conta do grao de cumprimento dos acordos antes do próximo pleno apoiaremos a proposta do alcalde”.

Nestas tres mocións acordouse, entre outras cuestións, a elaboración e aprobación da Estratexia de loita contra o Cambio Climático, a identificación dos focos de emisións de gases de efecto invernadoiro máis importantes e concretar uns obxectivos propios, ambiciosos, de redución de emisións de C02, cuxo primeiro prazo ten que cumprirse no ano 2020, a realización dunha auditoría do número de vehículos existentes na flota do Concello de Nigrán, así como do seu estado, a recuperación durante a tempada estival do servizo de vixilancia policial en bicicleta e a realización dun plan de investimentos a curto, medio ou longo prazo, para adaptar todas as instalacións de alumeado público de Nigrán, mediante o de luminarias por unhas con tecnoloxía LED.