O Seprona fala sobre a prevención dos incendios forestais no CPI Cova Terreña

Alumnos e alumnas de 1º e 4º de Educación Secundaria do CPI Cova Terreña de Baiona asistiron este luns a senllas charlas informativas sobre os incendios forestais, impartida por dous efectivos do Seprona da Garda Civil do Porriño. O obxectivo principal é que coñezan o labor que levan a cabo desde o Servizo de Protección da Natureza e da necesidade de respectar e consentir a contorna que os rodea.

As charlas, adaptadas ás distintas idades e niveis educativos (infantil, primaria, secundaria, bacharelato, especial ou formación profesional), abordan as consecuencias dos incendios forestais, das verteduras e outros atentados ecolóxicos, á vez que nelas ofrécense consellos prácticos para tratar de previlos e resólvense as dúbidas e curiosidades que poidan xurdir sobre o traballo de protección ambiental.

Estas sesións informativas da Garda Civil están enmarcadas no “Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”, que ten como obxectivo axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova, como o acoso escolar; drogas e alcol; bandas violentas, racismo e intolerancia; violencia sobre a muller e discriminación; ou Internet e redes sociais.

O plan ofrece diferentes actuacións á comunidade educativa: reunións con expertos policiais, charlas co profesorado e as ANPAS, charlas co alumnado sobre problemas de seguridade e acceso permanente a un experto policial ao que consultar calquera problema relacionado coa seguridade ou convivencia e mellora da vixilancia da contorna escolar. A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os escolares teñan un contacto máis directo con eles.

O vindeiro venres, 22 de marzo, impartiranse dúas novas charlas sobre os incendios forestais no Centro de Educación Infantil San Xosé de Gondomar, ás 10:00 e ás 11:00 da mañá.

Anuncios