Nigrán acolle a obra de teatro científico “¡Qué trabajo tan curioso!”

O Auditorio Municipal de Nigrán acollerá este domingo, 17 de febreiro, ás 18:00 horas, a representación da obra de teatro científico “¡Qué trabajo tan curioso!”, unha creación, dirixida a público infantil, da Unidade de Cultura Científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia. A divulgadora Luisa Martínez Lorenzo, responsable desta unidade, protagoniza esta obra como investigadora, convidando o público a que adiviñe cal é a súa profesión. O Concello de Nigrán pecha así os actos desta semana polo Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia.

Unha vez resolvido o enigma, Luisa falará co público sobre investigadores e investigadoras que son como ela, e que traballan para entender o mundo no que vivimos e mellorar a vida das persoas. Coa axuda da ciencia e de dous personaxes moi especiais, a investigadora descubrirá que hai nas mans e na boca dos asistentes, aínda que eles pensen que están completamente limpas. Con esta proposta preténdese que os máis pequenos aprendan dunha forma divertida hábitos de hixiene saudables e valores sobre a igualdade de xénero.

Esta actividade forma parte da programación de Ciudad Ciencia, un proxecto de divulgación científica impulsado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) en colaboración con máis de 40 municipios co fin de que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. Ao longo do curso 2018-2019 Ciudad Ciencia seguirá crecendo coa incorporación de novas localidades.