Nigrán destinará 18.000 € do Plan Concellos á adquisición dun brazo desbrozador

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante unha resolución presidencial, un novo investimento a Nigrán ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2019 por un total de 18.100 euros. Trátase dunha axuda que se destinará ao subministro dun brazo desbrozador articulado extensible. Este ano o goberno de Carmela Silva pon a disposición de Nigrán a través do Plan Concellos 2019 un total de 1.025.470,24 euros, o que supón un 2,94% máis que en 2018.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 712.998,49 euros, o concello de Nigrán tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 90.616,81 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 221.854,94 euros da Liña 3 de emprego cos que o concello pode financiar a contratación de 24 traballadores e traballadoras para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3% máis que no exercicio do 2018.