A necropsia da cadela aparecida sen vida e coas patas atadas en Baíña revela que foi envelenada

FOTO: BAI.SENPULGAS // A cadela atopada en Fontes.

O persoal técnico do Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación (CAAN) vén de finalizar a necropsia da cadela que apareceu morta e coas patas traseiras atadas no monte da parroquia baionesa de Baíña a primeiros de xaneiro. A conclusión do estudo e das analíticas realizadas durante as últimas semanas revelan que o animal morreu por envelenamento.

Segundo o veterinario do CAAN José Luis Pedreira, os primeiros resultados da necropsia xa descartaron de forma tallante a posibilidade de que tivera morto por disparos –como se barallou publicamente- ou por problemas derivados do seu estado de xestación. Tamén se confirmou que as patas lle foran atadas despois de morta, probablemente para podela arrastrar con maior facilidade ata o lugar onde foi atopada.

Dada a sintomatoloxía presentada pola cadela na necropsia –grande cantidade de sangue na cavidade torácica- solicitáronse analíticas ao laboratorio para concretar a causa da morte e, coñecidos os primeiros resultados, solicitáronse outras probas complementarias. Finalmente, púidose determinar a presenza dun tóxico específico de tipo anticoagulante denominado rodenticida, o que de forma común se coñece como matarratas.

As analíticas, explica Pedreira, non aclaran a cantidade de raticida que puido inxerir o animal, pero dado que pesaba arredor duns 40 quilos de peso sospéitase que puido ser grande e non unha dose pequena como as dos cebos para roedores. O informe do CAAN foi remitido xa á Garda Civil, que agora deberá investigar se o envelenamento da cadela foi premeditado por parte de alguén ou accidental.