A Garda Civil detivo en 2018 a 160 “procesados rebeldes” na provincia de Pontevedra

A Garda Civil localizou durante a pasada semana a catro persoas que foron detidas, ao estar reclamadas por distintas autoridades xudiciais.

A primeira das detencións levouse a cabo a pasada semana por efectivos do Posto da Garda Civil do Grove, onde foi localizado J.C.F., de 48 anos, en virtude dunha orde de ingreso en prisión dimanante do Xulgado do Penal núm. 4 de Pontevedra.

Ao día seguinte detívose en Moaña a T.M.B., veciño de León, de 47 anos, que foi presentado no Xulgado de Instrución de garda de Cangas, sobre o que recaía unha orde xudicial de procura, detención e presentación, do Xulgado de Instrución núm. 3 de Valladolid.

O pasado venres, día 11, practicáronse dúas novas detencións: en Mos, C.F.D.C.M., de 49 anos, que está reclamado por un dos xulgados de Ponteareas e no Porriño, A.T.F., de 18 anos, requisitoriado polo Xulgado de Instrución núm. 1 da mesma localidade.

Entre os labores habituais da Garda Civil figuran os de manter e restablecer a orde pública, previr e evitar a comisión de delitos e deter a delincuentes e persoas requisitoriadas, é dicir aos “procesados rebeldes” sobre os que haxa ditada unha orde xudicial de procura, localización e detención, xa sexa para ser presentados ante a autoridade que os reclama, ou para que ingresen en prisión.

Ao longo do pasado ano a Garda Civil localizou e detivo a 160 “procesados rebeldes” na provincia de Pontevedra. Ponteareas con 15 detidos, Poio con 13 e Sanxenxo con 12, foron os municipios onde se rexistraron o maior número de actuacións.