Empresarios e traballadores de Baiona aprenden inglés para mellorar a súa comunicación co turista

Medio centenar de empresarios, comerciantes e funcionarios de Baiona comezaron o martes o curso de inglés básico “Can I Help You”, organizado polo Concello, a Asociación de Comerciantes e Empresarios e Royal Celtic Bay no seu 30 aniversario, e que ten como obxectivo contribuír coa excelencia turística e concienciar sobre a necesidade do inglés nun pobo tan turístico como a Real Vila.

A formación durará un mes e será impartida por Loreto Valenzuela, directora da escola de idiomas, os martes e xoves ás 20:30 horas na Capitanía Marítima. Trátase dun curso ameno, simple e práctico para mellorar a comunicación co turista e lograr que se marche cunha sensación aínda mellor do pobo, potenciando así os seus recursos con maior entendemento, dando diferentes opcións e o que se ofrece.

O presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, destaca que “este curso conseguiu completar o aforamento por ser un curso moi interesante, xa que está enfocado ás necesidades de cada sector da nosa vila e perfectamente sectorizado, de maneira que facilite o contacto cos nosos visitantes estranxeiros e podamos ofrecer máis calidade e servizo nos nosos negocios”.

Loreto Valenzuela lembraba ademais na presentación do curso a importancia de poder interactuar e comunicarse sen a necesidade de falar un inglés perfecto, sendo á vez un curso útil para quen viaxe ao estranxeiro. Nos últimos anos os visitantes estranxeiros incrementáronse exponencialmente, sobre todo co Camiño Portugués da Costa, que o pasado ano converteuse na segunda ruta xacobea con máis número de peregrinos.

Anuncios