Baiona presume de Biblioteca no seu calendario de 2019

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal e María Iglesias posan co calendario na Biblioteca.

O Concello de Baiona comezou a repartición do novo calendario para o ano 2019 entre os empresarios e comerciantes e dentro duns días chegará a todos os veciños e veciñas. Para isto cóntase cunha cantidade de 7.000 exemplares dos cales se reservarán unha parte para que calquera veciño poida recollelo nas dependencias municipais no caso de que non o recibira na súa vivenda.

Nesta ocasión quíxose resaltar a obra máis importante realizada no ano 2018, cunha proxección mundial que xa obtivo numerosos premios, como é a nova Biblioteca e Arquivo Municipal de Baiona, que o ilustran con 12 marabillosas imaxes, unha por cada mes, que nos mostran este edificio histórico en todo o seu esplendor. Ñó Espazo Creativo foi o responsable da súa elaboración, coas instantáneas realizadas por Cris Grande e o deseño de Silvia Álvarez.

Xa é unha tradición en Baiona ao longo dos últimos anos a repartición do calendario con motivos da Real Vila, un calendario que é moi ben recibido por todos os veciños e veciñas, co que o equipo de goberno pretende que todos poidan presumir e sentir orgullo desta terra de mariñeiros, á cal chegou en primeiro lugar a noticia do descubrimento do Novo Mundo hai máis de 500 anos.

O alcalde, Ángel Rodal, e María Iglesias, concelleira de Cultura, departamento responsable da edición deste calendario, conxuntamente co seu equipo de goberno, escolleron nesta ocasión que a temática do calendario fose a Biblioteca Pública Municipal e o Arquivo Histórico de Baiona, non só por ser unha obra de referencia para todos, senón tamén porque este edificio é parada obrigatoria para todos os peregrinos que percorren a diario a Ruta Xacobea ao seu paso por esta Real Vila, onde poden selar a súa credencial compostelá despois de visitar a figura do Apóstolo Santiago que se atopa nas súas dependencias, sendo este xa o terceiro camiño máis transitado dos nove existentes.

Rodal espera que a todos e a todas gústelles a temática escollida para o ano 2019, como é esta edificación que simboliza o antigo e mestúrao co futurista, a través da súa arquitectura moderna e vangardista que está a ser admirada e premiada en todo o mundo.