O CB Nigrán, inmerso na organización do V Torneo Solidario “Encesta un Alimento”

O Club Baloncesto Nigrán está xa inmerso na organización da V edición do Torneo Solidario Encesta un Alimento, que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Panxón os días 22 e 23 de decembro. Trátase do torneo máis grande que organiza o club de baloncesto nigranés e que enche o Pavillón de Panxón durante dúas intensas xornadas.

Centos de nenos e nenas de toda Galicia gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas que terán ademais un importante carácter solidario xa que cada un dos xogadores e xogadoras que participen achegarán alimentos non perecedoiros, do mesmo xeito que poderá facer o público asistente. Posteriormente, no acto de clausura do torneo, farase entrega da totalidade dos alimentos recollidos ao Banco de Alimentos co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas.

Desde a categoría baby ata a categoría júnior, pasando polas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto masculino, feminino como mixto, desfilarán polo pavillón ao longo do sábado 22 e domingo 23 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa.

Os partidos serán arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en edicións pasadas. Ademais dos encontros deportivos realizásense aos longo dos dous días o sorteo de diferentes agasallos entre todos os asistentes.

Desde o Club Baloncesto Nigrán queren agradecer á Federación Galega de Baloncesto, a Frutas Nieves, que achegará froita para todos os participantes, ao Banco de Alimentos e ao Concello de Nigrán a súa colaboración na organización deste evento.