O pleno de Nigrán desestima as tres reclamacións realizadas ás últimas modificacións de crédito

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Sesión plenaria.

O pleno extraordinario celebrado no mediodía este venres no Concello de Nigrán acordou a inadmisión das tres reclamacións realizadas sobre as derradeiras modificacións de crédito aprobadas nos últimos plenos. A sesión realizouse con estes únicos puntos na orde do día ante a urxencia de continuar coa tramitación dos mesmos e nos tres casos os informes de Intervención concluían a inadmisión das mesmas por non axustarse aos casos que ampara a lei.

A modificación de crédito de maior importe correspondíase a 164.883,30 € de facturas pendentes de pago a máis dun cento de provedores e que foran aprobadas no pleno ordinario de setembro. Sen embargo, unha reclamación no último día de prazo por parte do actual candidato do PP de Nigrán paralizou o abono das mesmas obrigando a celebrarse este pleno no que os cinco partidos da corporación ratificaron o seu voto con respecto á sesión de setembro para dar novamente luz verde ao pago (PSOE e PP votaron a favor da inadmisión, Nigrán Decide e BNG abstivéronse e UCN votou en contra). Entre estas facturas pendentes e que agora poderán ser abonadas figuran obras de emerxencia realizadas tralos incendios, traballos de entidades sen ánimo de lucro como o Instituto de Estudos Miñoráns, o programa “Vacacións en Paz” de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, gastos de avogados de funcionarios na operación Patos… «Lamentamos o retraso no pago que supuxo esta reclamación feita polo candidato do PP e pedimos desculpas ás empresas. O Concello ten a obriga de pagar e non de enriquecerse inxustamente nin prexudicar a empresas que prestaron correctamente o seu servizo», mantén o alcalde, Juan González. O candidato do PP ten aínda a posibilidade de presentar un recurso contencioso contra esta resolución de inadmisión do pleno de Nigrán.

Paralelamente, tamén foi inadmitida atendendo aos informes de Intervención a reclamación realizada por un particular á modificación de crédito de 45.771,65 € para un programa temporal de emprego do Concello e a realizada por un funcionario e UCN á modificación de 42.627,49 € para a contratación de persoal para tres departamentos por acumulación de tarefas. Estes 45.771,65 € destinaranse a dous programas temporais de emprego de como máximo 3 anos de duración que permitirán a contratación dun enxeñeiro e dous administrativos (para a área de Contratación) e un auxiliar administrativo (para a área Económica). Estes postos serán cubertos por persoal funcionario interino mentres non se aproba a Oferta Pública de Emprego que permitirá cubrir definitivamente as prazas. Ademais, por motivo de acumulación de tarefas e mediante a modificación de crédito de 42.627 € contratarase durante 6 meses como máximo a un auxiliar administrativo para a Biblioteca Municipal, un auxiliar para Urbanismo e dous auxiliares para Tesourería. Nestes casos a incorporación será inmediata porque o Concello xa dispón dunha bolsa de emprego nestes campos.

Nos tres casos o informe de Intervención recalca que existen tres posibilidades legais para formular reclamacións ás modificacións de crédito e, segundo resolve, ningunha das realizadas se axusta. Por un lado pode alegarse por non axustarse a modificación á elaboración e prazos que establece a lei, por outra por omitir o crédito necesario para o cumprimento das obrigas esixidas ao Concello e, por último, por ser de manifesta insuficiencia dos ingresos con relación aos gastos orzados ou ben de estes respecto ás necesidades para as que estea previsto. En ningún dos tres casos se daban estas circunstancias.