A Deputación destinou en 3 anos 19,4 millóns de euros aos concellos do Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Carmela Silva en Baiona.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe nunha comparecencia no hotel Bahía de Baiona que a institución provincial investiu nos tres anos do actual Goberno provincial case 19,4 millóns de euros (19.375.438,61 €) nos concellos do Val Miñor, 5.446.252,87 € en Baiona, 5.965.383,40 € en Gondomar e 7.336.352,05 € en Nigrán. “É o maior investimento da historia da Deputación nesta comarca, e moito máis importante que a que fixo calquera outra administración”, asegurou a Presidenta, que sinalou que “preto de 10,5 millóns corresponderon ao Plan Concellos que con esta financiación puideron afrontar 78 obras de todo tipo. Ninguén investiu más que a Deputación no Val Miñor. Somos a institución que garante os dereitos e servizos da cidadanía nos tres concellos desta comarca”, dixo Silva. A presidenta sinalou que “son datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un e que ninguén poderá refutar. Veño aquí a facer unha dación de contas porque a xente ten dereito a coñecer o que fan as administracións cos seus recursos que son da veciñanza e non de quen a goberna”.

En liñas xerais, a institución provincial investiu 10,5 millóns de euros no Plan Concellos; máis de 2,4 millóns de euros € entre o Plan de Reequilibrio 2017-2018 e o DepoRemse; 900.000 € noutros proxectos e plans; 500.000 euros en Emprego e Formación; 900.000 € na área de Cohesión Social e Xuventude; 2 millóns de euros en Mobilidade; 83.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes; arredor de 330.000 € en Deportes; máis de 500.000 € en Cultura; máis de 200.000 euros en Medio Ambiente; outros 40.000 € na área de Novas Tecnoloxías, 160.000 euros en Turismo ou 627.000 euros no funcionamento da oficina do servizo de recadación ORAL da Ramallosa.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento de preto de 10 millóns e medio de euros na comarca, con 3.355.136,42 € para Baiona, que o venres terá a aprobación da última obra que tiña pendente deste ano coa que pecha o Plan Concellos 2018. O plan supuxo nestes tres anos 3.483.905,40 € para Gondomar e 3.626.845,51 € para Nigrán. Co Plan Concellos os tres municipios puideron financiar nestes tres anos un total de 78 obras, 15 en Baiona, 30 en Gondomar e 33 en Nigrán. “Ningunha outra administración foi capaz de facer realidade unha cantidade de proxectos como a Deputación”, dixo a presidenta provincial.

Dentro do Plan de Reequilibrio para favorecer o equilibrio territorial entre os concellos castigados polo anterior goberno provincial, Gondomar recibiu 640.000 € no para a reforma da Praza da Paradela e da súa contorna e Nigrán outros 1.480.000 € (dun orzamento total de 1.850.000 €) para a nova biblioteca municipal. Ademais, Carmela Silva lembrou que o Plan DepoRemse, “feito con bases e criterios obxectivos como todos os nosos plans, ao contrario do que se facía antes”, deixou en Baiona recibiu 290.000 € para a mellora mobilidade e seguranza viaria na Rúa Real de Sabarís.

O investimento noutros plans á marxe dos mencionados ascende a 900.000 euros cos que se financiaron o plan de emprego 2015 (Baiona e Nigrán), os préstamos sen xuros (Nigrán), proxectos de iluminación exterior sustentable nos tres concellos e para a iluminación dos BIC (Baiona), a adaptación de puntos limpos (en Gondomar e Nigrán), actuacións nos sendeiros litorais (para Baiona e Nigrán), a reparación de instalacións deportivas e subministración de material, a doazón de materiais para espazos públicos en Nigrán e a celebración do Degusta Europa en Baiona.

Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que “en tres anos financiamos no Val Miñor a creación de 306 postos de emprego e de formación, cun investimento de preto de 2.400.000 euros” entre o Plan Concellos, con 1.890.000 €, e os distintos plans de práctica laboral e Erasmus+, outros 502.000 €. A través do Plan Concellos “creamos 231 empregos directos nos tres concellos”, sinalou Carmela Silva, que se distribúen da seguinte maneira: 89 en Baiona (607.000 €), 60 en Gondomar (627.000 €) e 82 en Nigrán (657.000 €). A Presidenta lembrou que “o Plan é para moitos concellos o único recurso que teñen para poder contratar persoal que garanta poder cumprir todos os servizos aos que ten dereito a cidadanía”.

O investimento da Deputación dentro do Plan de Práctica Laboral nos concellos foi de 340.000 euros, cun total de 27 bolseiros e bolseiras, e outras 12 persoas, cun importe próximo aos 125.000€, dentro do Plan de Práctica Laboral en empresas. En total, financiáronse 18 bolseiras e bolseiros de Baiona, 20 de Gondomar e 28 de Nigrán. Ademais, 9 estudantes de Gondomar participaron no programa de mobilidade europea Practicum Depo Erasmus+.

No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado ao Val Miñor sitúase en arredor de 900.000 euros: 894.941 € que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a milleiros de veciñas e veciños cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu 680.000 € no plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios, 116.000 € para axudas de emerxencia e permitiu mellorar a vida das persoas maiores da comarca a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron 96 homes e mulleres do Val Miñor, ou coas axudas a colectivos sociais.

No que se corresponde cos programas de actividades e de atención cidadá, Carmela Silva sinalou que “mobilizamos a milleiros de persoas da comarca a través de Depo en Marcha, En Ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo Lazos, DepoRúARTE e Depo Aventura A Lanzada”.

En canto á Mobilidade, a Presidenta Carmela Silva lembrou que o investimento foi próximo aos 2 millóns de euros (1.956.658 €) para a realización de “obras de mellora nas estradas provinciais do Val Miñor e distintos plans de mobilidade”. Nos últimos tres anos, sinalou, “investimos en obras máis de 1,3 millóns de euros” para mellorar viarios de Baiona, Gondomar e Nigrán. Tamén se financiou a realización de 5 asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento de obras realizadas en Baiona e Nigrán.

O Plan Móvese achegou máis de 510.000 € á comarca, coa construción de 40 pasos peonís (8 en Baiona e en Gondomar e 24 en Nigrán) e a instalación de 44 redutores de velocidade (17 en Baiona, 13 en Gondomar e 14 en Nigrán). A Deputación tamén investiu nas estradas provinciais co Plan de sinalización viaria e co Plan de pintado das estradas, así como co Plan de desbroces e limpezas para actuar nun total de 75.660 metros.

Na área de Igualdade, o investimento foi de máis de 83.000 € para “fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con iniciativas como 50 cursos”, sinalou a Presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar xornadas de divulgación, programas de conciliación, avaliación e elaboración dos Plans de Igualdade en Gondomar, campañas de prevención, programas de inserción laboral… A través do programa Conectadas, financiáronse 47 cursos colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e asociacións culturais, achegando formación transversal en igualdade: 11 cursos en Baiona, 18 en Gondomar e outros 18 en Nigrán. Ademais, tamén chegaron o programa Mulleres en Acción. Violencia Zero, ás tres vilas, Sorrisos Transformadores a Baiona e Gondomar e proxectouse o filme ‘Visións’, de Cinema e Muller, en Gondomar.

En canto a Turismo, o investimento nas comarcas situouse en máis de 171.000 euros, unha decidida aposta por unha das comarcas con máis visitantes da provincia. Entre as medidas destacan todas as campañas do Camiño Portugués pola Costa que tivo un impulso definitivo desde que foi o fío condutor da campaña Rías Baixas da Deputación de Pontevedra en Fitur 2017. Tamén con accións de promoción como o patrocinio de distintos programas de televisión como ‘Volando voy’ ou ‘MasterChef’, do que desvelou que para o ano 2019 a promotora ten a intención de volver a realizalo na provincia de Pontevedra, ou campañas do patrimonio natural. Ademais, a Deputación financiou 4 bolseiras e bolseiros para as oficinas de turismo, realizou accións de dinamización local como visitas teatralizadas en Gondomar ou un blog trip en Baiona, amais de investir para que as empresas turísticas acadasen os distintivos SICTED. Outro punto e aparte foi a promoción dos #RíasBaixasFests co apoio a ‘Vive Nigrán’, ademais da liña de axudas turísticas, as asociacións da comarca, e os apoios económicos á Festa Internacional da Arribada ou a celebración da Hispanidade en Baiona nestes anos.

En canto a Deportes, Carmela Silva sinalou que “investimos 444.074.61 € en axudas, beneficiando a preto de 100 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e centos de nenas e nenos nas DEPOrte Escolas”. A Presidenta provincial informou en primeiro lugar da liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores, que aumentaron respecto aos gobernos anteriores e no Val Miñor beneficiaron a 58 clubs de fútbol e asociacións deportivas, 11 de Baiona, 25 de Gondomar e 22 de Nigrán. Ademais, na liña de achegas aos clubs de categoría estatal nas súas disciplinas, beneficiou a 5 clubs de Baiona, Gondomar e Nigrán (3). No apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas, a institución provincial financiou 39 actividades de clubs dos tres concellos.

En canto os convenios cos clubs de elite, a Deputación asinou axudas este tres anos co Club Vincios de Tenis de Mesa de Gondomar e co Club Ciclista Rías Baixas, asentado en Nigrán. Na liña de achegas a deportistas individuais, a Deputación colaborou con 14 deportistas da comarca (3 de Baiona, 8 de Gondomar e 3 de Nigrán). Ademais, a Copa Deputación supuxo a participación de 10 clubs de fútbol. A Deputación de Pontevedra tamén instalou 13 DEPOrte Escolas de balonmán, baloncesto, patinaxe, fútbol e patinaxe, e este curso vén de abrir outras 15 en Baiona (3), Gondomar (10) e Nigrán (2). A Presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.

Na área de Cultura, a Deputación de Pontevedra investiu máis de 515.000 € para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, das entidades e das comisións de festas do Val Miñor. A Presidenta lembrou que “cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua. Dentro das axudas para a dinamización da lingua galega, cunha liña dirixida a concellos e outra a entidades culturais. Ademais, a institución provincial destinou financiación para apoiar a rehabilitación e sinalización do patrimonio. Destacan nesta liña o ‘Proxecto Viridarium’ de acondicionamento da Rúa do Reloxo e o xardín da Casa de Navegación, en Baiona, a sinalización de Auga da Laxe en Gondomar ou a rehabilitación das fontes de Nigrán, entre outras. A Deputación tamén investiu na colaboración cos concellos e comisións de festas do Val Miñor para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal e financiou a contrtación de concertos de música galega e en galego na comarca a través do Musigal.

A Deputación tamén investiu máis de 230.000 euros en Medio ambiente para implantar “un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos”. A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 13 actuacións en campos como o Aral Fontiñas, As Gaiandas, A Gándara ou Condomínguez. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron á confraría de Baiona e tamén se asinaron dous convenios coa Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE), situado en Nigrán, para desenvolver aplicacións medioambientais que detecten as acacias como especie invasora, por valor de 170.000 €.

No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación de Pontevedra sitúase nos 40.000 € “para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme”. Carmela Silva puxo en valor que concellos como Gondomar e Baiona dispoñen de administración electrónica grazas á Deputación e que foi a institución provincial quen formou a un total de 167 persoas funcionarias (78 de Baiona e 89 de Gondomar). Pola súa banda o servizo SmartPeme beneficiou a 11 empresas (2 de Baiona, 4 de Gondomar e 5 de Nigrán).

IMG_0950