Ángel Rodal reestrutura o goberno municipal tras a marcha de Beatriz González

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ángel Rodal nunha sesión plenaria.

Cando apenas pasaron 72 horas do cambio na corporación polo abandono de Beatriz González, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, reestruturou o Grupo de Goberno.

María Iglesias Fernández, 1ª Tenente Alcalde e concelleira de Cultura, Medio Ambiente, Persoal e Réxime Interior, agora tamén se ocupará de Xuventude e Novas Tecnoloxías. Policarpo Vilar Misa, concelleiro de Accesibilidade ata o momento complementará esta área coa de Educación. Raúl Costas Lafuente, concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, ostentará a maiores a concellería de Seguridade Cidadá, que ata o día de hoxe estaba a cargo do alcalde, Ángel Manuel Rodal Almuiña, que coa nova reestruturación ostenta ademais os cargos de concelleiro de Pobos Irmáns, Turismo, Emprego, Economía e Facenda.

O resto de concellerías non sofren ningunha variación. Mª Carmen Paredes Cabral seguirá ocupando o cargo de concelleira de Benestar Social, Igualdade, Comercio e Mercados. María Jesús Martíns Passos continuará sendo concelleira de Deportes, Daniel García Dacuña concelleiro de Vías e Obras e Medio Rural, e José Ángel Bahamonde Rodríguez concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Alumeado Público.

Con esta reestruturación, Ángel Rodal quere enviar unha mensaxe de tranquilidade a todos os veciños e veciñas de Baiona, co compromiso firme de seguir traballando como ata o momento, coa garantía e a certeza de que este é un Grupo de Goberno unido e con moita experiencia tras varios anos dedicándose ao servizo público.

Hoxe mesmo mantiveron a primeira reunión de traballo nas súas novas áreas, na que se expuxeron ideas e proxectos que se van a realizar neste ano e o que vén. O alcalde asegura que esta circunstancia non cambia nada en absoluto, posto que os concelleiros recibiron con ilusión as súas novas tarefas nas que se puxeron a traballar de inmediato.