Nigrán dota de desfibriladores ás instalacións deportivas municipais

O Concello de Nigrán vén de dotar de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) ás tres instalacións deportivas municipais, (Campo de fútbol de Condomínguez, Campo de fútbol de San Pedro e Pavillón Municipal de Panxón). Ademais, vén de formar aos técnicos deportivos para capacitalos no seu uso. O obxectivo é que as tres instalacións municipais sexan lugares cardioprotexidos e, consecuentemente, o Concello ofreceu este sábado a través do grupo salvavidas Aneks3 o curso formativo obrigatorio dirixidos aos monitores dos diferentes clubs que desenvolven competicións nestes espazos: ED Val Miñor-Nigrán, Racing Vilariño, Club Baloncesto Nigrán, Panxón Fútbol Sala e veteranos de fútbol sala. Durante cinco horas adquiriron a capacitación para empregar correctamente este aparato e a realizar técnicas de reanimación cardiopulmonar.

«Aínda que a medida non é obrigatoria, a consideramos crucial porque en caso de infarto o rápido acceso ao desfibrilador pode ser a diferenza entre vivir ou non, e igual de importante que é ter o aparato é contar con técnicos que o saiban empregar correctamente, concretamente aqueles que están nas instalacións cando se está a competir», indica o alcalde, Juan González .

Coa mesma intención, antes de final de ano dotaranse de desfibriladores ás patrullas da Policía Local e, a continuación, instalaranse nos centros educativos (sempre previa realización do curso de capacitación). Compre subliñar que este verán foron dotados de DESA todos os postos de socorrismo das principais praias de Nigrán: Praia América (2), Panxón (1) e Patos (1) e ao que se sumou o que xa dispón Protección Civil no seu vehículo.

O DESA é moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que en gran porcentaxe son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o axeitando, logrando estes equipos restablecelo. A súa efectividade é máxima no momento inicial, polo que é especialmente recomendable dispor de desfibriladores en lugares moi concorridos, como é o caso das praias, ou onde se practica deporte.