Nigrán celebra o “Día da Biblioteca” cun contacontos infantil de Raquel Queizás

O Concello de Nigrán celebra mañá mércores o Día da Biblioteca co contacontos de Raquel Queizás “Raposadas” ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal. Cunha duración de 50 minutos, trátase dun espectáculo de contos de tradición oral protagonizado por animais con obxectos e monicreques e está dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos e as súas familias.

A raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira. Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase a aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo…