UCN pide delegar no ORAL a comprobación fiscal ás compañías eléctricas e de telefonía e o IAE

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, expón moción a debater no pleno ordinario de outubro, na que se propón a delegación na Deputación Provincial-ORAL, para levar a cabo unha comprobación fiscal do Imposto polo aproveitamento do dominio público local do chan, subsolo e voo, polo que tributan as compañías eléctricas, telecomunicacións e gas, pola utilización do dominio público, e verificar se están a tributar adecuadamente, xa que a citada ordenanza reguladora do imposto fixa un gravame do 1,5%, en función da facturación realizada aos seus clientes no termo municipal, así como tamén do Imposto de actividades económicas (IAE), que pagan empresas cuxa facturación anual supere o millón de euros, pero que ninguén comproba nin controla.

UCN lamenta que o goberno local non puxese en marcha aínda dita comprobación fiscal, a pesar de que o pasado 9/4/18 o alcalde Juan González asinou un acordo de compromiso co portavoz de UCN Antonio Fernández, que facilitou a aprobación do orzamento municipal para 2018. “Con todo, nada se fixo e desgraciadamente puidésemos estar a deixar de ingresar importantes cantidades para as arcas municipais que para nada afectarán o peto dos veciños, senón, máis ben todo o contrario, por ser de xustiza que todos paguen o que lles corresponde e non cargar toda a presión fiscal sobre os veciños. Desgraciadamente parece todo o contrario, pois dá a impresión que só se preocupan de que paguen os de sempre, mentres as grandes compañías campan ás súas anchas, sen que ninguén lles pida contas nin comprobe se están a cumprir debidamente coas súas obrigacións fiscais, mentres os veciños vense sometidos a todo tipo de comprobacións e inspeccións, xa sexan no IBI (contribución), a través da regularización catastral, ou das taxas de lixos e carruaxes, polo que parece existir unha dobre vara de medir que resulta intolerable, e máis se cabe, por parte dun goberno que di ser de esquerdas”.

UCN lembra que o Concello de Nigrán xa ten delegado no ORAL a recadación en vía voluntaria e executiva varios impostos e taxas municipais, así como a inspección do Imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO), e tamén da Taxa por licenzas urbanísticas, pero dado que ao parecer o Concello non dispón de medios para levar a cabo directamente as funcións de comprobación fiscal -a pesar de ter cubertas en propiedade as prazas de Intervención e Tesourería-, “polo que resulta sumamente necesario e urxente delegar tamén ditas funcións na Deputación Provincial (ORAL), como Organismo colaborador na recadación e inspección dos tributos locais dos Concellos da Provincia, dado o deixamento e irresponsabilidade do goberno local”, conclúe o portavoz independente.