Incendio dun quentador no centro de Baiona

Veciños do edificio situado no número 5 da Rúa Carabela Pinta de Baiona alertaron esta mañá da presenza de fume nunha das vivendas do 5º piso. O 112 Galicia recibiu o aviso ás 12:27, mobilizando ao GES do Val Miñor, que se desprazou ata o lugar do suceso con dúas dotacións. Unha vez cortados os servizos de luz e gas, os bombeiros abriron as xanelas para ventilar e sufocaron as chamas, que se orixinaron no quentador eléctrico, cun extintor de CO2. Non houbo que lamentar danos persoais xa que nese momento a vivenda estaba baleira, posto que os propietarios son de Vigo. Ademais do quentador resultou danada a lavadora e parte da cociña por efecto do fume. Tamén se desprazaron ata o lugar a Policía Local e a Garda Civil.