Un centenar de mozos e mozas participan na primeira Galaicaintegración Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // I Galaicaintegración Val Miñor.

Un centenar de mozos e mozas con discapacidade física ou psíquica de entidades do sur da provincia de Pontevedra participaron este sábado na primeira edición da Galaicaintegración Val Miñor, organizada por Galaicosquad Val Miñor contando coa colaboración da Concellería de Deportes de Gondomar e a Comunidade de Montes de Vilaza. O obxectivo do evento é promover a convivencia, diversión, entusiasmo, empatía e xenerosidade de todos os participantes desta actividade, que contou coa Asociación Down Vigo, Bicos de Papel, Teavi, Andaina de Redondela e Juan María de Parada.

Os usuarios das diferentes entidades e asociacións foron os protagonistas nun día especial no que se trata de convivir nun ambiente natural, onde o quad é o aliciente para que todos os participantes poidan gozar del, facendo unha ruta por un circuíto de aproximadamente tres quilómetros, por diferentes pistas do monte de Vilaza. Ao mediodía, celebrouse ademais unha comida de confraternidade no Centro Cultural, durante a cal puideron intercambiar opinións acerca da experiencia vivida, favorecendo a relación entre todos os participantes do evento. Para finalizar a xornada, leváronse a cabo diversos xogos nos que o quad seguiu sendo o complemento perfecto para poñer o broche de ouro ao día de convivencia quatreira.

O motoclub Galaicosquad Val Miñor contou coa colaboración de quads provenientes de diferentes lugares, como son, Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid e Comunidade Galega, persoas relacionadas co mundo quatreiro que colaboran de forma totalmente altruísta e desinteresada, para poder satisfacer, convivir e enriquecer un día diferente na vida de todos os participantes, que recibiron ademais unha pañoleta e unha camiseta, que quedará como recordo conmemorativo da xornada. En total, a organización contou con 26 quads e buggies e a colaboración de 47 persoas.

O motoclub Galaicosquad Val Miñor é unha entidade sen ánimo de lucro que se fundou no ano 2017 por un grupo de amigos aos cales lles une a afección do mundo do quad. Aínda que a súa creación é recente, os seus integrantes teñen unha longa traxectoria na realización, colaboración e fomento de diferentes tipos de eventos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.