UCN propón bonificacións fiscais para as vivendas afectadas polos incendios de 2017

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, expón unha moción para debater no pleno ordinario de outubro, na que se propón a aprobación dunha exención ou bonificacións fiscais ás familias afectadas polos desgraciados incendios producidos nas parroquias de Parada, Camos e Chandebrito o ano pasado, e que nalgúns casos foron afectadas tanto vivendas como dependencias anexas, polo que á hora de tramitar as correspondentes licenzas urbanísticas para a súa reconstrución atoparanse coas liquidacións referidas ao Imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO), así como a taxa de tramitación urbanística, xa que a actual ordenanza fiscal non prevé ningunha exención ou redución que puidese aplicarse nestes casos.

UCN lamenta que o goberno local non tomase a iniciativa na proposta agora exposta, e que o destino quixese que xustamente sexa agora cando se cumpre o primeiro aniversario dos desgraciados episodios vividos no municipio, “e que afectaron moi especialmente a Chandebrito (coa perda de vidas humanas), e tamén á parroquia de Camos, polo que se bota en falta unha maior dilixencia por parte do alcalde Juan González e o seu goberno, ao non expor ningunha iniciativa para axudar desde o Concello ás familias afectadas, que viron como as súas vivendas e galpóns foron pasto das chamas; máis aló de meros actos folclóricos e propaganda que moitos aínda están sen pagar”.

UCN por tal motivo propón ao pleno “Instar o Alcalde-Presidente a que polos servizos técnicos municipais se leve a cabo de forma urxente a modificación das ordenanzas fiscais da taxa de tramitación de licenzas urbanísticas e do Imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO), incorporando unha exención/bonificación de taxas e impostos ás construcións afectadas polos incendios forestais, como medida de apoio ás familias”.

Fernández Comesaña, lembra que unicamente a Xunta mediante Decreto 102/2017, do 19 de outubro, puxo en marcha unha serie de medidas urxentes para a reparación de danos causados polos incendios producidos, “pero, con todo, o Concello non tomou ningunha iniciativa fiscal que favoreza aos afectados, polo que desgraciadamente terían que pagar novamente os seus impostos”, conclúe o portavoz independente.