Nigrán únese mañá sábado ao IEM na conmemoración da “Volta dos Nove”

O Concello de Nigrán únese mañá sábado ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) na conmemoración do 82 aniversario dos asasinatos na coñecida como “Volta dos Nove”, onde morreron 6 veciños do municipio e 3 de Baiona. Así, o alcalde e membros do goberno local participarán ás 11:30 no acto no cemiterio de Sabarís, onde están soterrados os irmáns “Ineses” e Dolores Samuelle, e ás 11:45 horas na curva da Bombardeira de Baredo, onde os mataron. Finalmente, o rexedor acudirá cunha comitiva a depositar un ramo no “Xardín da Memoria”, onda o pavillón de Panxón.

Coñécese como “A volta dos nove” ao suceso no que se executaron nove veciños do Val Miñor como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baredo. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaban con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.

“Invitamos á veciñanza a participar. O tráxico suceso marcou á comarca durante diferentes xeracións e non se pode esquecer nunca, consideramos unha labor das institucións manter a Historia sempre viva para que así non se repita”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán e historiador que precisamente recolle este suceso na obra “Nigrán, Memoria dunha Guerra 1936-1939”.