O Cereixa xógase o paso a oitavos de final da Copa Galicia

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Este sábado día 13 de outubro disputarase ás 18:00 horas no Pavillón Municipal de Gondomar a rolda eliminatoria para os oitavos de final da mellor competición galega entre o Cereixa Gondomar FS e o Estrada Futsal, na que o equipo de Vincios participará por terceiro ano consecutivo por méritos propios e coa intención de dalo todo para continuar adiante.

Este ano enfronte terán ao actual subcampión da terceira división, polo que o reto será complicado aínda que a confianza é máxima nas súas posibilidades.

Disputar a XXVIII Copa Galicia é un premio a outra grandísima tempada dos seus xogadores e corpo técnico, apoiados polos patrocinadores, colaboradores, Concellería de Deportes do Concello de Gondomar, Deputación, Comunidade de Montes de Vincios e por suposto a afección, e tentará deixar ao grande o fútbol sala miñorano.