Arrancan as “DEPOrte Escolas” con máis de 10.000 nenos e nenas matriculados

A presidenta da Deputación de Pontevedra presidiu esta tarde no IES Sánchez Cantón de Pontevedra o arranque das “DEPOrte Escolas” coincidindo co inicio da escola de patinaxe. Esta iniciativa, que organiza institución provincial de xeito gratuíto en 51 concellos da provincia, ten matriculadas e matriculados xa a máis de 10.000 nenas e nenos da provincia “que van poder relacionarse, facer equipo, e aprender a traballar e construír conxuntamente, o que contribúe a impulsar sociedades máis cohesionadas”.

Para a presidenta provincial “o deporte é a auténtica revolución do século XXI e as administracións temos a obriga de fomentalo”. Neste eido, Silva tamén quixo agradecer o papel das familias, “que sodes conscientes de que facer deporte é fundamental para construír sociedades mellores”.

En canto a “DEPOrte Escola” de Patinaxe, na que participan 265 nenas e nenos, a presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que “no acto de clausura do curso pasado moitas familias me formularon a posibilidade de incrementar a idade de participación para que as e os adolescentes puidesen beneficiarse da iniciativa. Hoxe síntome moi satisfeita porque fixémolo realidade e, deste xeito, este curso as mozas e mozos de máis de 15 anos poden seguir a participar nas DEPOrte Escolas”.

As “DEPOrte Escolas” da Deputación de Pontevedra ofertan a práctica de 9 modalidades deportivas dirixidas a nenas e nenos de entre cinco e dezaseis anos de xeito totalmente gratuíto. En total, a institución provincial está a achegar á infancia e mocidade a práctica de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, atletismo (marcha), piragüismo e baloncesto.

Este curso as “DEPOrte Escolas” da Deputación estarán presentes en Agolada, Arbo, A Guarda, A Cañiza, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Forcarei, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, O Grove, O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Vila de Cruces e Vigo.

O pasado venres 5 de outubro publicáronse as listas provisionais de persoas admitidas. Naqueles concellos e modalidades nas que haxa prazas libres abrirase un segundo prazo de inscrición, a partir do 15 de outubro, que permanecerá aberto ata cubrir as prazas.