A Garda Civil desmantela unha banda xuvenil violenta á que lle atribúen roubos en Baiona

A Garda Civil detivo esta mañá en Vigo aos principais responsables dunha banda xuvenil violenta aos que se lles atribúe a comisión de preto dun centenar de feitos delituosos.

6 mozos detidos e 3 investigados, xunto con cinco rexistros (4 domicilios e 1 local comercial), é o resultado provisional desta operación na que participaron preto de medio centenar de efectivos da Garda Civil, que contaron coa participación do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS), a Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (USECIC).

Unha das dúas persoas que ía ser detida nun piso da rúa Florida atopábase no balcón, por causas que se descoñecen, antes de que a Garda Civil chegase á vivenda. Cando os axentes entraron a muller, de 20 anos, tentou fuxir saltando ao balcón do piso inferior, pero precipitouse ao baleiro, caendo sobre un dos vehículos oficiais do operativo. A nova, que foi evacuada ao hospital Alvaro Cunqueiro, ten en vigor unha orde de afastamento do seu compañeiro, que é un dos detidos neste piso.

As idades dos detidos e investigados oscilan entre os 15 e os 25 anos, deles 3 son menores de idade. Dous dos detidos quedaron en liberdade nas dependencias da Garda Civil de Vigo, onde se instrúen as dilixencias, e o resto pasarán nas próximas horas a disposición do Xulgado de Instrución núm. 4 de Vigo.

Por mor das investigacións levadas a cabo polo Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, en estreita colaboración co Grupo de Información da Comandancia, a estes mozos, na súa maior parte de orixe suramericana, atribúeselles a comisión duns 80 feitos delituosos (roubos con violencia, furtos e lesións) que viñan cometendo desde o ano 2017 en Baiona, Cangas e Vigo.

Trátase dunha banda xuvenil cuxos membros, algúns deles menores de idade, imitan e cumpren con moitas características que conforman a idiosincrasia dunha banda latina ou xuvenil de carácter violento.

Os integrantes deste grupo criminal, que se autodenomina a banda de “Los Betas” estaban asentados nas escaleiras dun céntrico barrio de Vigo. Era a súa zona de control ou “territorio”, onde se reunían habitualmente e á que eles denominaban “Bloque 30”.

Dentro das peculiaridades propias destes tipos de bandas xuvenís violentas, “Los Beta” utilizaban grafitis para marcar o seu territorio e así difundir a presenza do grupo na zona. O estilo de vestimenta, as expresións xestuais, a linguaxe e as tatuaxes, son outras características propias que serviron para identificalos en gran parte dos feitos delituosos que se lles atribúen.

O denominador común do seu modus operandi é a violencia e a intimidación. Adoitaban actuar en grupo e de forma coordinada, provocando pelexas e agresións co fin utilizar esta confusión para subtraerlle os efectos ás súas vítimas. Noutras ocasións subtraían directamente os obxectos mediante o procedemento do tirón ou intimidando mediante a superioridade en número, xestos e expresións violentas facía as súas vítimas, que normalmente eran novas e mesmo menores de idade.

Na investigación dedúcese a existencia dun grupo de individuos novos, algún deles menores de idade, na súa maioría de orixe dominicano que de forma coordinada viñan realizando unha serie de delitos violentos.

Desta forma conformaban un grupo criminal autodenominado como a banda de “Los Betas” que, tanto na súa estética, metodoloxía, modo de establecerse nunha zona determinada e de relacionarse en sociedade como grupo, imitan un patrón de banda latina ou xuvenil violenta que puidese estar na súa fase inicial ou de implantación, provocando un sentimento de inseguridade na poboación onde residen e nas zonas de lecer onde adoitaban levar a cabo as súas accións delituosas.

A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.