En Marea levará ao Parlamento de Galicia as carencias dos servizos públicos en Gondomar

Luís Villares reuniuse en Gondomar co grupo municipal de Manifesto Miñor e con concello aberto CABE para coñecer as necesidades de Gondomar e a súa contorna. Nas dúas reunións de traballo mantidas quedaron de manifesto as principais necesidades da localidade, sobre todo no relacionado co transporte e a mobilidade e tamén cos servizos sanitarios. Os principais asuntos tratados durante a reunión cos concelleiros de Manifesto Miñor, abordaron o transporte «terceiromundista» que padece Gondomar, o polígono da Pasaxe, a peaxe da autoestrada, dos eólicos na Serra do Galiñeiro, argumentos que segundo o voceiro do grupo municipal e concelleiro de Urbanismo en Gondomar, Antonio Araúxo. Luís Villares explicou que estas propostas serían levadas ao Parlamento por En Marea.

Para Luís Villares, a xornada de traballo foi moi «produtiva». Sinalou que en todas as reunións se apuntaron as necesidades do concello, algunha delas cualificadas por Antonio Araúxo como «desgraciadamente clásicas». O voceiro de En Marea sinalou que unha grande parte dos problemas de Gondomar e do Val Miñor era claramente «competencia da Xunta de Galicia, unha Xunta de Galicia que ten totalmente desatendida unha comarca tan importante».

Entre os argumentos debatidos que serán propostas a levar para o Parlamento de Galicia, un dos fundamentais é o do «transporte metropolitano e as dificultades da cidadanía de Gondomar e do Val Miñor para trasladarse á contorna máis directa». En Marea pedirá que se mellores os servizos de transporte entre Gondomar e Vigo, Gondomar e Baiona e tamén entre o concello e a universidade viguesa. Villares sinalou trala reunión cos grupos que a Xunta «ten que sentarse coas empresas que prestan estes servizos e obrigalas a que dean un servizo eficiente».

Outro asunto que tamén volverá ao Parlamento será o centro de saúde. Villares asegurou neste caso que é necesario que «o novo centro teña o tamaño e os servizos necesarios para atender a unha poboación de 15.000 habitantes». Para que isto sexa así, defendeu o voceiro de En Marea que centro debería contar con servizo de pediatría, que non está previsto polo momento, «e unha dotación de oito facultativos en lugar dos seis que se teñen previsto na actualidade para este novo centro».

O terceiro argumento, que En Marea xa ten levado ao debate parlamentario, é «a creación dun parque de bombeiros comarcal». Villares apuntou que esta era «unha petición veciñal unánime e que segue sen atender a pesar de que hai un ano, coa vaga de lumes, demostrouse o necesario que era un parque de bombeiro comarcal para o Val Miñor».

2018-10-04 - unnamed (2)