Nova vitoria do Cereixa ante o Sporting Manzaneda

Nova vitoria dos de Vincios para sacar adiante un partido máis complicado do que o resultado final pode reflectir. E é que o visitante non será para nada un equipo fácil de superar esta tempada; aguerrido, pelexón, insaciable e con boa xente de ataque. O partido traballouse na semana para conseguir mover a un Sp. Manzaneda que se agrupa ao redor da súa portería e que sae con rápidas contras tratando de sorprender.

O Cereixa Gondomar FS saíu coa posesión e a impresión de que o partido se desnivelaría polas bandas e non tardou en demostrarse esa teoría; Edu Rodríguez Pérez entraba polo franco esquerdo para sortear a dous rivais e servir a Gabriel Denis Vasconcellos que marcaba a pracer (1-0). O visitante sentiu o golpe e non atopaba a forma de inquietar ao local. Pouco antes de chegar ao descanso, Samu R. Trabazos estreábase esta tempada picando a pelota ante a saída do porteiro (2-0).

Descanso e xogadores a vestiarios. Primeira parte moi seria dos locais e o reto estaba en non perder a concentración para non deixar meter ao Sp. Manzaneda no partido.

Na continuación e a pesar de que se avisou diso no vestiario, o local non mantivo a intensidade e non tardaron os visitantes en recortar (2-1). Pero pouco durou a alegría xa que Gabi volvería marcar despois de escapar do seu marcador e definir cruzado (3-1). Parecía que cada vez que o Cereixa Gondomar FS movía o balón e atopaba o un para un en banda, podía haber situación clara de gol. Con todo, un erro en ataque e un mal repregamento do local deixaba ao Sp. Manzaneda coa opción de descontar e non fallarían: 3-2.

O partido seguía aberto pero o hat-trick de Gabi (4-2) daba algo de tranquilidade. Rubén tras sortear ao porteiro e empuxar a pracer, daba outro golpe aos visitantes case definitivo (5-2). O Sp. Manzaneda tentouno atacando en superioridade como última opción pero Luca cortaría o primeiro achegamento e marcaría o 6-2 final.

Alegría no vestiario e outros tres puntos que permiten aos de Gondomar seguir coa boa liña de resultados. Agradecen á Concellería de Deportes e a alcaldía de Nigrán por ceder o Pavillón de Panxón para a disputa deste encontro ante a imposibilidade de exercer localía en Gondomar.