UCN denuncia a pasividade do Concello para esixir a devolución do antigo ambulatorio de Panxón

FOTO: UCN // Antigo Centro de Saúde de Panxón.

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia a pasividade e falta de xestión que está a demostrar o alcalde Juan González para esixir, tanto á Xunta como ao Estado, a devolución da parcela e antigo edificio do ambulatorio –cedida no seu día ao Instituto Social da Mariña-, en cumprimento do compromiso asinado como consecuencia da nova cesión gratuíta de parcela.

UCN lembra que desde o 20 de xuño de 2016, está en funcionamento o novo edificio destinado a ambulatorio en Panxón, construído sobre unha parcela de máis de 4.000 m2 cedida gratuitamente polo Concello de Nigrán ao Sergas, mediante acordo plenario de data 29/10/2008, no que entre outras condicións, establecíase a cesión gratuíta ao Concello de Nigrán do antigo edificio para destinalo a usos sociais; construción realizada no seu día sobre unha parcela tamén de titularidade municipal, dentro do Plan Parcial das Dunas de Gaifar.

UCN lamenta que transcorridos máis de dous anos desde a posta en funcionamento do novo edificio, incomprensiblemente a día de hoxe -a pesar de vir insistindo o grupo independente en diversos plenos-, aínda é imposible poder dispoñer da antiga construción por parte do Concello de Nigrán, e incorporalo como ben patrimonial de uso público, con destino a fins de carácter social, entre outros como Centro de Día, tal e como aprobou o pleno da Corporación en setembro de 2017 e a proposta de UCN, para dar resposta ás demandas e necesidades dos maiores.

“Con todo, o alcalde Juan González parece non demostrar demasiado interese en xestionar adecuadamente a cesión deste inmoble, que aínda que os obstáculos son agora do Estado, e en concreto por parte da Tesourería da Seguridade Social, culpabilizando antes ao anterior goberno do PP en Madrid, pero agora xa non existe coartada algunha para o alcalde, xa que o PSOE está no goberno e debería ter xa xestionada a cesión deste inmoble, ante os agravios e demoras incomprensibles, que parece ignorar”, sinala o portavoz.

Fernández Comesaña, insta o alcalde Juan González a que de verdade se implique e esixa ao Estado que devolva de forma urxente unha parcela e inmoble para fins sociais, tan necesario e demandado polos veciños de Nigrán, e demostre a súa capacidade de xestión, -tal e como sucedeu recentemente no Concello de Vigo, coa cesión dun edificio similar en Teis-, “pola contra será cómplice do fracaso”, conclúe.