Arde un coche en pleno centro de Baiona

Un turismo que circulaba en dirección Vigo pola Avenida Elduayen de Baiona comezou a arder ao redor das 18:30 horas desta tarde. A condutora, unha veciña de Oia, viu que comezaba a saír fume e conseguiu arrimar á beirarrúa o vehículo, un Citroën C5, á altura do Hotel Pazo de Mendoza, moi preto da Praza de Pedro de Castro, e saír ilesa.

Hostaleiros e comerciantes da zona foron os primeiros en tentar sufocar as chamas con extintores ata que chegaron os membros do GES do Val Miñor. A PO-552 permaneceu cortada durante case 45 minutos. Ata o lugar tamén se desprazou a Policía Local de Baiona.