Tres anos de cárcere e cinco de retirada do carné para o mozo do accidente mortal en Gondomar

O titular do Xulgado do Penal Nº 1 de Vigo impuxo unha condena de tres anos de cárcere e cinco anos de retirada do carné de conducir a B.V.N., o mozo que conducía o coche que sufriu un accidente mortal en setembro de 2016 en Gondomar, no que perdeu a vida un mozo e outros tres resultaron feridos.

Segundo a sentenza, o acusado é responsable dun delito de condución temeraria, outro de homicidio por imprudencia grave e tres máis de lesións por imprudencia grave. Así mesmo, foi absolto do delito de conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas, xa que non consta que fose en cantidade suficiente para minguar as súas facultades.

En concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar conxunta e solidariamente coa compañía aseguradora á noiva do falecido no sinistro con algo máis de 325.000 euros e a outro dos lesionados cunha cantidade que se determinará en execución de sentenza, así como a outra persoa por danos. Os pais do falecido e outro ferido renunciaron ao ser xa indemnizados polo seguro.

Sobre as 7:00 horas do 18 de setembro de 2016 o mozo B.V.N. conducía un vehículo Mercedes Clase A pola PO-340, á altura do termo municipal de Gondomar, facéndoo a unha velocidade aproximada de 200 km/h, perdeu o control saíndose da calzada pola marxe esquerda chocando contra un muro e regresando á vía.

Xunto a el, viaxaban no vehículo outros catro mozos que resultaron feridos de diversa consideración. Entre eles, o ocupante do asento central traseiro e que probablemente non facía uso do cinto de seguridade, JL.P.V., de 25 anos de idade, que saíu despedido sufrindo politraumatismos que lle causaron a morte ás 11:00 horas do 21 de setembro.

A sentenza non é firme e contra a mesma cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.