O festival “Baiona Street Food” aparca na contorna da Palma

Unha selección dos mellores food trucks ou cociña sobre rodas cunha variada, seleccionada e sorprendente oferta gastronómica pensada para todos os públicos, instalaranse por primeira vez en Baiona. Desde mañá, 24 de agosto, e ata o domingo 26, a contorna do parque da Palma acollerá o evento que ten por nome “Baiona Street Food”.

A feira combinará diferentes espazos para gozar da cultura urbana máis aló da gastronomía: música en directo; arte, moda e tendencias; animación infantil; espazo de viños de autor de Galicia… todo iso integrado na contorna da zona Casual Food para gozar dunha diferente sesión vermú, unha saborosa e animada comida ou unha divertida e fantástica cea.

Habilitarase un espazo para a instalación dunha selección das mellores food trucks cunha sorprendente e variada oferta gastronómica de calidade: hamburguesas premium, xeados artesáns, bocadillos gourmet, ensaladas orixinais, tapas diferentes, cociña veggie, cociña fusión na que atopar creacións das distintas cociñas do mundo… viños galegos de autor, cervexas especiais, sesión vermú… cociña en directo, catas, degustacións… que se poderán gozar en horario de 12:00 a 16:00 e de 19:00 a 00:30 horas nunha contorna privilexiada como o é a Fortaleza de Monte Real.

Ademais da parte culinaria, “Baiona Street Food” aderezarase con boa música. Así, o venres 24 ás 22:30 actuará “Mala Hora”, mentres que o sábado á mesma hora será a quenda de “Blackstereo”. Xa o domingo ás 13:30 terá lugar o “Concerto Momento Cunqueiro” con Soul & Roll, e ás 22:30 poñerá o broche de ouro ao evento a actuación de “The Funkles”.

“Baiona Street Food” ofrecerá ademais entretemento para os máis pequenos con obradoiros infantís e animación o sábado e domingo en horario de mañá e tarde de 12:00 a 13:00 e de 19:00 a 20:00 horas.

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona aposta polo fenómeno dos “food trucks” e da comida rueira, que cada vez conta con máis adeptos, para que tanto os veciños como os visitantes déixense levar polos sentidos do gusto e do oído.