A quinta Xeira do IEM percorre as Fortalezas de Goián

FOTO: IEM // Pazo-Torre dos Correa en Goián.

Este xoves 19 de xullo terá lugar a quinta Xeira de Verán do IEM, baixo o título “Arquitectura militar histórica. Fortalezas”. O punto de encontro será no Pazo-Torre dos Correa en Goián (Tomiño) ás 18:30 horas. Estará guiada por Antonio Soliño Troncoso e contará con dous intérpretes en lingua de signos para xordos.

O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías. En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta. O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico.

Ao longo da xeira haberá ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falarase da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lobelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Será durante as tres horas que levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade.