Baiona volverá licitar o novo parque infantil da Palma tras quedar deserto o concurso

O Concello de Baiona declara deserto o contrato de acondicionamento do parque infantil da Palma tras non presentarse ningunha empresa ao proceso de licitación. Así se reflicte no anuncio publicado no Boletín da Provincia de Pontevedra (BOP) do pasado martes. Segundo informou a concelleira de Parques e Xardíns, María Iglesias, abrirase un novo proceso de licitación en canto a Deputación dea o visto e prace aos pregos.

O proxecto, que inclúe un gran castelo medieval temático acorde coa Fortaleza de Monte Real que ten ao seu lado, vai destinado a reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións. O obxectivo é renovar unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que vai quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio.

O Concello xa definiu as características que terán as novas instalacións e contempla unha ampliación de case 100 metros cadrados para alcanzar un máximo de superficie de 560 metros cadrados de chan continuo. Ademais, estará preparado con elementos para todas as idades e dispoñerá de xogos para persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade.

Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretende un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.

O proxecto conta cun importe de licitación de 174.853,46 euros máis IVE, 36.719,22 euros, o que ascende a un total de 211.572,68 euros, destinados polo Concello de Baiona a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.